A Deputación de Ourense apoia os actos conmemorativos polo centenario de Vilavidal que, con motivo desta efeméride, acollerá os días 26, 27 e 28 de outubro, diversas actividades culturais e de ocio, co fin de lembrar a historia desta localidade.
As actividades comezarán este venres, 26 de outubro, ás 17 horas coa apertura da exposición de fotos antigas e obxectos, expostas na antiga Cámara Agraria de Vilavidal e, a partir das 22 horas, será a quenda para a música a cargo da orquestra Panorama e dun DJ. O sábado, 27 de outubro, ás 10 horas, abrirá a exposición e ás 12 horas, será a presentación do libro editado con motivo desta efeméride “100 anos de Vilavidal. 1918-2018”.
Posteriormente actuará a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense e ás 13 horas, será o descubrimento da placa para continuar despois novamente a Real Banda de Gaitas. Ás 14 horas será o xantar popular e, pola tarde, ás 16 horas comezarán os xogos tradicionais para tódolos públicos e, ás 17 horas, terá lugar o concerto da Banda Municipal de Ramirás e despois do Grupo de Gaitas Rebulir. Ao día seguinte, o 28 de outubro, terán lugar os actos litúrxicos e a actuación da Coral de Ruada.