A carreira, que este ano chega a súa 42ª edición, celébrase o vindeiro 18 de novembro.

A San Martiño retransmitirase por streaming

Cada vez queda menos para que milleiros de atletas invadan as rúas de Ourense para participar na 42ª edición da carreira pedestre popular do San Martiño.

O salón de plenos do Concello de Ourense foi o lugar onde se presentou esta edición que contou coa presenza da secretaria xeral para o deporte, Marta Míguez; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; entre outras personalidades, e que contou ademais con representantes das firmas colaboradoras, e colaboradores desta cita.

Como cada ano, a través da plataforma championchipnorte.com deberán inscribirse os que queiran participar. Ata o 11 de novembro está aberta a inscrición para todas as categorías. Anotarse na carreira absoluta ten un custe de 7 euros desde o 31 de outubro e para as demais categorías a inscrición é de balde.

Horarios
A carreira absoluta será a encargada de dar o pistoletazo de saída á San Martiño ás 11 horas na que haberá que percorrer 10 quilómetros a un circuíto homologado. Ás 12.30 horas serán as categorías escolares as que recollerán a testemuña para percorrer 4.700 metros. Tras eles, a de cativos (para os nados entre os anos 2008 e 2011) comezarán ás 13.20 horas sobre un percorrido de 1.400 metros. E finalmente, ás 13.30 será a quenda dunha carreira de igual distancia que a anterior (1,4 km) na que participarán persoas que teñan algún tipo de discapacidade e os caticos nados en 2012 e posteriores.

Novidades
Varias son as novidades deste ano. No apartado tecnolóxico a carreira retransmitirase en streaming. Outras novidades son os cambios no avituallamento final e da cerimonia de premiación. O primeiro será na rúa Pardo de Cela e o segundo trasládase da central dos Remedios ás pistas exteriores do pavillón.
Outra novidade destacada será a carreira inclusiva que se disputará xunto á dos Pitufos (nados nos anos 2012 e posteriores) a partir das 13.30 horas.

Sportur
Os días 15, 16 e 17 de novembro Expourense acolle a segunda edición de Sportur. No mesmo recinto feiral farase entrega dos dorsais da San Martiño. Tamén daranse os premios do gañadores do circuíto de carreiras populares «Correndo por Ourense».