O Concello de Ourense quere reivindicar o 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación das Violencias de Xénero, con actividades repartidas por toda a cidade para darlle visibilidade a esta lacra e, sobre todo, ás súas vítimas. A Concellería de Igualdade preparou un programa dirixido a toda a sociedade, pero no que participará activamente a mocidade, entre as que destaca a de pórlle o nome 25 de novembro ao parque de Reza. Paralelamente, o Concello de Ourense iniciará un expediente de honra á “pobre Asunción”, primeira vítima de violencia de xénero rexistrada na cidade, co fin de artellar unha acción fixa de lembranza daquel crime na praza Maior.
As actividades comezarán este mesmo martes, 20 de novembro, co proxecto Retos de Igualdade e Diversidade, desenvolvido por APES e no que participa alumnado dos colexios Cardenal Cisneros, CPR Luís Vives, IES Blanco Amor, CIFP A Farixa, CIFP O Portovello e IES Otero Pedrayo. O primeiro dos retos será ás 8:30 e 10:30 horas no barrio da Ponte, pero seguiranlle outras na Praza Maior e nas Lagoas, até o 5 de decembro.
O mércores 21 de novembro comezará outro proxecto de carácter pedagóxico, X(É)NERO VERSOS, desenvolvido co alumnado do Ciclo de Animación Sociocultural do CIFP O Portovello, que pretende utilizar a música -concretamente o hip-hop- como ferramenta socio educativa para intervir coa mocidade e fomentar valores positivos contra a violencia de xénero.
Para o venres 23 quedará a inauguración do parque de Reza, que desde entón pasará a chamarse Parque do 25 de novembro en lembranza de Asunción González Vázquez e de todas as mulleres vítimas das violencias de xénero. Ademáis, terán lugar nese espazo lecturas por parte de colectivos de mulleres, a exposición dun traballo realizado por vítimas de violencia de xénero usuarias do programa Nexos do CIMM, así como unha actuación musical da cantante e actriz ourensá Aida Blanco.
Concerto ‘Herdeiras’. Nestes actos reivindicativos do 25N haberá, tamén, espazo para a música co concerto Herdeiras, que contará coa participación de Carmen Penim (voz), Maurizio Polsinelli (piano), Margarida Mariño (violoncello) e Xiana Vilas (danza). Será o mércores 28 de novembro ás 20:30 horas no Liceo de Ourense, entrada de balde.
Finalmente, levarase a cabo a actividade artístico – pedagóxica Cartas de amor. 15 artistas contra a violencia de xénero, para previr a violencia de xénero na mocidade. Está co-organizada coa Secretaría Xeral de Igualdade (Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza – Xunta de Galicia), e poderase visitar desde o 11 de decembro ao 10 de xaneiro no Espazo Lusquiños da Mocidade de luns a venres en horario de 17 a 22 horas, e os sábados de 10:30 a 14 horas.