Falamos con Vicente Bañobre Anidos despois dunha viaxe a México. Actualmente é Director da área de internacionalización de Roberto Verino e leva o desenvolvemento internacional da startup de Allariz chamada Thecosmetics. Bolseiro da Xunta no 2010 fálanos da súa experiencia e como influiu nel.
Contanos como decidiches ser bolseiro?
Vicente Bañobre: “En marzo de 2009 vin no xornal a convocatoria das bolsas de xestores de exportación; estaba nun momento que tiña bastante experiencia no exterior tanto na época de estudante como algún traballo en áreas de desenvolvemento internacional, sobre todo en países en desenvolvemento. Xurdiume a oportunidade. Había 25 prazas e presenteime. Realicei catro exames e en xullo confirmáronme que estaba entre os seleccionados e en setembro había que elixir destino. Elixín a praza de Singapur porque tiña claro que quería ter unha experiencia nun país asiático. Traballara previamente en Bangladesh e na India- e esta cidade estado xa era un referente.
Era a oportunidade de aprender sobre o desenvolvemento de negocio axudando ás empresas españolas a instalarse ou buscar distribuidores nestes países parecíame unha idea moi atractiva. Ademais, en Singapur tamén traballaba nalgún país máis da zona como Camboia ou Vietnam”.
Cómo foi a túa experiencia de bolseiro en Singapur?
V.B.: “Superou as miñas expectativas con creces. Tiven moita fortuna coa embaixada de Singapur. O conselleiro tiña unha gran experiencia e deume todas as facilidades. Foi unha aprendizaxe diaria. Aprendín máis nese ano que en cinco na Universidade. Aprendín técnicas de negociación en Asia; como buscar negocio entre empresas españolas e asiáticas. Axudoume a buscar unha serie de actitudes que foron moi positivas. Ademais facilitábame o contacto con empresas; deixábame voar só e cando había unha oportunidade, e como da Xunta de Galicia, cando eran empresas galegas encargábame eu totalmente do proceso. Así tiven un primeiro contacto con varias empresas galegas: adegas, textís, etc.”
Cómo influiu esta axuda á hora de elixir o teu camiño laboral ou de reforzar a túa experiencia laboral?
V.B.: “Para min foi un punto de inflexión na miña carreira profesional. Primeiro porque me deu uns coñecementos teóricos e prácticos nun momento ademais de crise económica. Foi un momento de moita actividade internacional na que pequenas e medianas empresas decántanse pola internacionalización. Isto permitiume estar en contacto con diversos sectores nun ano clave. Axudoume a entender ese traballo e a enfocar a miña carreira profesional, xa que era unha área na que me atopaba cómodo. Ademais esos programas do Instituto Gallego de Promoción Económica (IGAPE) teñen a vantaxe de incluír unha segunda fase na que a Xunta subvenciona (cun 75%) á empresa galega que te contrata no departamento internacional”.
Polo que contas, esta iniciativa é moi importante tanto para o propio bolseiro como para a empresa galega.
V.B.: “Eu estiven sete anos en Adolfo Domínguez e dicíanme que as bolsas eran unha grandísima axuda porque tiñan a opción de contar con expertos”.
Recomendarías á xente que se interese por estas bolsas?
V.B.: “Sen dúbida. É unha oportunidade que nun mundo globalizado como no que vivimos as empresas non se poden limitar a un só mercado. O futuro pasa por profesionais que sepan e teñan a habilidade de desenvolver, abrir, consolidar e fortalecer relacións comerciais; cada cultura é un mundo e apréndese cando se vive nese país ou se vai determinadas veces. Esta experiencia dache unha solvencia e un aplomo impagable”.