68 pezas procedentes de 26 países diferentes exhibiranse nesta terceira edición que conta, ademais, con dous Obradoiros de cinema 3D para os máis cativos.

Verín acolle o III FIC ata o día 9

O Festival Internacional de Curtas de Verín, FIC Vía XIV, botou andar no Auditorio da vila cun acto inaugural que estivo conducido pola actriz Iria Sobrado, natural do Carballiño. Nesta terceira edición, o FIC consolídase como un foro cultural de referencia para Verín e comarca e converte á zona en epicentro galego da sétima arte ata o vindeiro 9 de decembro. Así, un total de 68 curtas procedentes de 26 países serán exhibidas no concurso oficial e optan a gañar un dos seis premios do certame.

Dereito e a cinema
Unha das actividades desta edición foi a de Dereito e cinema. Analizouse o movemento Law and Cinema, que xurdiu con forza nos anos 90 do século pasado nas universidades norteamericanas. María José García Salgado, profesora de área de Filosofía do Dereito da Universidade de Oviedo e encargada de dirixir esta actividade. Empregando secuencias de filmes coma, por exemplo, Doce homes sen piedade, A laranxa mecánica, O planeta dos simios ou Vencedores e vencidos, García Salgado, analizou o movemento Law and Cinema e aproveitou para comentar diferentes figuras e procedementos do noso sistema xurídico. Coas películas como banco de imaxes, houbo ocasión de falar da institución do xurado, da presunción de inocencia ou da proba xudicial, entre outras cuestións.

Obradoiros de cinema 3D
Dous novos obradoiros para cativos e cativas súmanse á programación paralela do Festival Internacional de Curtas de Verín, FIC Vía XIV. Estas actividades, que se promoven entre o 6 e 8 de decembro en quenda de mañá e tarde, serán impartida pola monitora Cristina Blanco. “O obxectivo nesta edición é articular unha completa proposta de ocio en torno ao festival para toda a familia”, destaca o director do certame, Carlos Montero.
A súa finalidade é fomentar, dun xeito lúdico e divertido, o interese polo cine entre os máis pequenos da comarca. Paralelamente, favorecerase a creatividade e os valores vinculados ao emprendemento e a aprendizaxe a través do xogo.

O obradoiro 3D pretende crear un escenario de animación onde as leis da física se poidan controlar ao noso antollo. Os participantes darán vida ás súas propias figuras en 3D e aprenderán a controlar a iluminación, os diferentes encadres e puntos de vista da cámara, usando diversas ferramentas para dar os primeiros pasos no longo e apaixonante camiño de chegar a ser un deseñador 3D.

Premio Especial do Público
O Consello Regulador da D.O. Monterrei patrocina o Premio Especial do Público do FIC Vía XIV 2018. O organismo que preside Lara Da Silva patrocinará o Premio Espacial do Público, que conleva unha dotación económica de 600 euros.

O Premio Especial do Público é unha creación orixinal do pintor e escultor local, Xosé Gómez Rivada, que nestes días ultima a estatuíña no seu obradoiro de Verín. Outro artista local, Fernando Barreira, será un ano máis o responsable do deseño dos principais galardóns do certame e da creatividade do escenario. Barreira, que conta cunha sólida formación en arte, pintura, debuxo, escultura, decoración e moda e con máis de 40 exposicións ás súas costas, inspirouse para a súa creación na “V” de Verín e de Vía XIV.