A Deputación de Ourense, en colaboración con Oca Nova Manzaneda, organiza un ano máis o programa “Esquiou 2019”, para achegar a práctica de deportes de inverno e actividades de lecer a 735 nenos da provincia de Ourense, con idades comprendidas entre os 9 e os 12 anos. A presentación desta iniciativa deportiva tivo lugar no centro cultural “Marcos Valcárcel”, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director da Estación Oca Nova Manzaneda, Gustavo Samartín.
O programa “EsquiOU” oferta 735 prazas para nenos de 9 a 12 anos das sete zonas xeográficas da provincia, ofrecendo un completo programa que inclúe aloxamento, pensión alimenticia, curso de esquí e outras actividades complementarias para nenos nacidos entre o 1 de xaneiro de 2007 e o 31 de decembro de 2010. A duración é de dúas noites e tres días, de luns a mércores.
O programa divídese en sete quendas de 105 persoas cada unha, que serán organizadas por proximidade xeográfica para facilitar a integración e a convivencia entre os participantes. Así, a primeira quenda, do 28 ao 30 de xaneiro, será para as comarcas de Terra de Celanova e Baixa Limia; a segunda, do 4 ao 6 de febreiro, para as de Allariz, Maceda e A Limia; a terceira, do 11 ao 13 de febreiro, O Ribeiro e O Carballiño; a cuarta, do 18 ao 20 de febreiro, para Verín e Viana; a quinta, do 25 ao 27 de febreiro, para a comarca de Valdeorras; a sexta, do 4 ao 6 de marzo, para a de Ourense; e a sétima quenda, que vai do 11 ao 13 de marzo, para as comarcas de Terra de Caldelas e Terra de Trives.
Inscricións
Os interesados en participar no programa poden inscribirse ata o día 15 de xaneiro de 2019 a través do correo electrónico esquiou@depourense.es. O custe para cada participante será de 29 euros.