Ofertará 60 actividades os días 5 e 6 de decembro.

Megaxove trae deporte e solidariedade a Expourense

Expourense remata o calendario feiral do 2018 coa celebración da 19ª edición de Megaxove que os días 5 e 6 de decembro, ofrecerá 60 actividades de lecer, deportivas e solidarias que converterán ó recinto no punto de encontro para a mocidade galega e as súas familias. Para elo conta coa colaboración dunha vintena de expositores entre os que se atopan asociacións culturais e xuvenís galegas, federacións e clubes deportivos e empresas especializadas en formación.

Entre as novidades destaca a xincana xigante inchable “Iron Children – Humor Amarelo” de 70 metros de lonxitude achegada pola concellería de Xuventude de Ourense onde poderán participar rapaces e rapazas dende os 8 ata os 18 anos e na que tamén se realizará unha carreira competitiva onde os participantes terán a oportunidade de fomentar o exercicio físico e xerar a confianza necesaria nun mesmo para afrontar e superar os diferentes obstáculos, aprendendo o valor do traballo en equipo.

Deporte
O deporte terá coma sempre o seu espazo en Megaxove. Expourense é o lugar elixido por asociacións e federacións para dar a coñecer estes deportes, programando distintas actividades. As principais novidades deste ano no ámbito deportivo serán as minicompeticións de atletismo, os adestramentos e clases abertas de judo e o circuíto infantil de ciclismo.
O Salón da Xuventude, que conta co apoio da Deputación Provincial de Ourense e da Concellería de Xuventude do Ourense. Esta cita ten entrada gratuíta e permanecerá aberto en Expourense os días 5 e 6 de decembro. O horario do martes 5 será de 10 a 13 e de 17 a 20 h. e o do mércores 6 de 10 a 14 e de 16 a 20 h. O programa actualizado pódese consultar na web www.expourense.org ou no perfil de Facebook do salón.

Os expositores e entidades colaboradoras con Megaxove elaboraron un completo programa de actividades que será inaugurado no Día Internacional do Voluntariado, e cuxo obxectivo non é só a diversión, senón o fomento de valores como o compañeirismo, a solidariedade, o traballo en equipo, a tolerancia, a igualdade ou ó respecto ó Medio Ambiente. Todo elo transmitirase a atrvés de actividades como a doazón de alimentos non perecedeiros que irán destinados á “Operación Quilo” organizada por Amencer; os obradoiros de traballos manuais con material reciclado que impartirá Cruz Vermella Ourense ou a demostración de cómo ser autónomo e ademais non contaminar obtendo enerxía con paneis solares que organiza OJE-Ourense.

Participación aberta a todos
Ademais das actividades xa mencionadas, Megaxove ofrece moitas opcións de entretemento e diversión para aqueles mozos ou nenos que, acompañados polas súas familias, se acheguen ata Expourense durante estes dous días. A empresa Nenoos Ourense impartirá un obradoiro de achegamento á tecnoloxía, robótica e programación. Dentro deste área, o salón contará tamén cunha Ciber Aula, e cun espazo adicado aos videoxogos.

Incórporase con decisión a Megaxove a Organización Xuvenil Española, OJE Ourense, que organizará varias actividades vencelladas co coidado do medio Ambiente, un obradoiro de serigrafía de camisetas, e outro de fabricación de títeres que serán despois os protagonistas dunha función aberta a todos os visitantes.

Unha das entidades máis activas con este salón volverá ser a Asociación Xuvenil Amencer que organizará unha decena de actividades. Ademais da “Operación Quilo”, impartirán obradoiros de maquillaxe ou traballos manuais (pompóns de la, pulseiras, hamas, chaveiros, marcos de fotos, maquillaxe, etc.), e ofrecerán xogos de mesa e de estratexia. Non faltarán ademais os espazos para toda a familia como o “Bebechán”, o “Ludochán” ou o recuncho para pais e nais.

Outras das entidades fieis a Megaxove son: Cruz Vermella Xuventude que organizarán obradoiros con material reciclado e xogos de mesa tradicionais; a Escola de Tempo Libre e Animación Cipri Gomes que organiza varios obradoiros (globoflexia, pintacaras, xogos…); o CCP Xaquín Lorenzo que traerá os seus xogos populares ou a Escola de Baile, Canto e Música da Deputación de Ourense que fará unha actuación o mércores ás 19.15 h.

Neste salón serán presentados ademais os “Programas para a xuventude” da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.