Música, teatro, deporte e as visitas de Papá Noel e os Reis Magos forman parte da ampla axenda cultural.

Ourense organiza máis de 400 actividades de Nadal

O Concello de Ourense presentou a súa programación de Nadal 2018-2019, que este ano contará con máis de 400 propostas culturais, deportivas, de lecer e mesmo solidarias.

O primeiro paso foi o acendido das luces de Nadal o día 5 cun espectáculo na Praza Maior.
Outras dúas citas darán pulo á chegada destas festas. Por unha banda, a inauguración do Belén de Baltar, o 13 de decembro ás 18:30 horas; e un día máis tarde, os Xardíns do Padre Feijóo acollerán a inauguración do Poboado de Nadal, aberto até o 6 de xaneiro.

Non faltará o tradicional video-mapping, na fachada do Concello, con sesións os días 21 e 28 de decembro e o 4 de xaneiro, ás 19:30 e 21 horas; salvo o Día dos Inocentes, no que ás 21 horas haberá un espectáculo pirotécnico.
Pola súa banda, o Xardín Xaponés acollerá do 19 ao 30 de decembro, unha carpa de realidade virtual.

Así mesmo, a música vai ser protagonista e o Auditorio o seu escenario. Nel o cantante Sergio Dalma acturará o 14 de decembro; a Banda da Loba faráo o 18, ás 20:30 horas; o 20 de decembro será a quenda dun espectáculo único en Galicia, o Brothers in band “The very best of Dire Straits. European Tour 2018”; e o día de Reis haberá unha gala de ópera a cargo da Orquestra Sinfónica e o Coro Gli Appasionati.

A música local virá da man de María do Ceo, que ofrecerá un concerto de Nadal, o venres 21 de decembro, na Catedral; e o cantautor Emilio Rúa ofrecerá diversas actuacións en Igrexas de toda a cidade.

Tampouco faltarán na axenda musical o grupo Priscila, Broken Peach e Cha, cerveza e violão.
Ademais, a Igrexa de Santa Eufemia acollerá durante tres días a XXIV Edición do Certame de Vilancicos e Panxoliñas, e haberá tres actuacións da Coral de Ruada (22 e 28 de decembro, e 3 de xaneiro).

Actividades infantís
A cativada terá varias citas co teatro infantil no Auditorio, a través das obras “Oviravai”, “Aladino e a lámpada marabillosa” e “Vaia Santa Claus. O Musical do Nadal”. E tamén poderán gozar un ano máis coas propostas da tradicional MOTI.

Para os máis pequerrechos haberá actividades especiais para bebés: teatro infantil no Auditorio, música na Sala Valente; e Os Bolechas presentarán o seu último espectáculo o 3 de xaneiro.
A Concellería de Educación ten previstas, ademais, para a mocidade actividades na Escola Municipal de Inglés, panxoliñas escolares ou teatro, na rúa do Paseo. Aínda que o seu día grande será o 17 de decembro, ás 20 horas, coa festa de Nadal a cargo dos grupos de Teatro Escolar.

Ademais, durante as vacacións escolares os nenos poderán participar en actividades de conciliación na Aula da Natureza e nas bibliotecas municipais. E os barrios recibirán a visita da Carpa da maxia.

Papá Noel e os Reis
Os días 22, 23 e 24 de decembro Papá Noel e os seus elfos estarán nos soportais da Praza Maior recollendo as peticións dos nenos de Ourense. Os días 2, 3 e 4 de xaneiro, será a quenda dos paxes reais, na rúa do Paseo.
Así mesmo, a tradicional Cabalgata de Reis terá lugar o 5 de xaneiro e rematará cunha tirada de fogos artificiais.

Deporte
Entre as actividades deportivas para o público infantil destacan a cabalgata acuática “Hai que mollarse”, o 21 de decembro; e unha xornada de entrega de cartas a Papá Noel nun buzón máxico instalado no rocódromo da cancha central de Os Remedios.
A elas súmanse iniciativas para compartir en familia como o Festival de Nadal de Natación Artística (23 de decembro); o II Open Nadal de Escalada (26 de decembro); o Torneo Nadal de Chave (29 de decembro) ou o Torneo de Nadal de Atletismo en Pista Cuberta (4 de xaneiro).
Ademais da III San Silvestre Ourensá (31 de decembro ás 16 h) ou do VII Torneo Social de Nadal de balonmán (28 de decembro), e no que se recollerán alimentos para a Asociación Amencer e fondos para a AECC de Ourense.
Moitas outras actividades compoñen o completo programa do Concello, como unha gran festa Fin de Ano e Aninovo na Praza Maior.

Concurso de Beléns
Chega o XXIII Concurso de Beléns Públicos de Ourense, que premiará os mellores nacementos en tres modalidades: entidades, familiares e escolares.
Na categoría de entidades poderán participar as asociacións sen ánimo de lucro e comercios; e optarán a un primeiro premio de 400 euros e un segundo de 300. Na categoría familiares premiaranse con 300 e 200 euros os dous mellores beléns instalados en domicilios particulares, mentres que na categoría escolar daranse premios pola mesma contía a aqueles realizados por alumnos de ensino non universitario. Así mesmo, establécese un premio especial de 300 euros á creatividade e singularidade nos materiais e no deseño do belén, de entre todos os presentados.