O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, inaugurou a nova sede da comisaria da Policía Autonómica na cidade de Ourense, ubicada no baixo e na primeira planta do antigo Pazo de Xustiza de Ourense, na que o Goberno galego investiu 125.000 euros para o seu acondicionamento: Ista nova ubicación permitirá á Unidade contar cunhas instalacións axeitadas e moito máis amplas das que tiñan. Ademais, este traslado permitirá deixar de aboar o arrendamento do inmoble que ocupaba a Unidade, que sumaban preto de 80.000 euros anuais.
Á inauguración das novas instalacións tamén asistiron o director xeral de Emerxencias e Interior, o comisario xefe da Policía Autonómica, a delegada territorial da Xunta en Ourense, o subdelegado do Goberno, o xefe superior de Policía de Galicia, o presidente da Audiencia Provincial, o xuíz decano, o fiscal xefe, e os decanos dos colexios de avogados e procuradores de Ourense, entre outros.
A Policía Autonómica leva traballando 25 anos na cidade das Burgas, levando a cabo tarefas de especial relevancia como a protección das vítimas da violencia de xénero ou a loita contra o furtivismo. Ademais teñen encomendadas tamén tarefas de prevención e investigación de incendios forestais, protección do menor, e conservación do medio ambiente, realizando actuacións contra pragas como as da pataca ou do pino.
Nesta liña, Alfonso Rueda lembrou que debido ao imprescindible traballo que os axentes autonómicos levan a cabo e que as súas funcións vanse incrementando con novas competencias, solicitou en reiteradas ocasións ao Ministerio do Interior que complete o cadro de persoal da Policía Autonómica, xa que na actualidade só están cubertos o 80% dos postos.