O teatro invade o auditorio de Ourense esta fin de semana, con representacións de diferentes compañías galegas: Ítaca Teatro, a ourensá A quinta do cuadrante, e Entremáns. Pechará a semana o musical Rosalía Pequeniña, unha montaxe musical para festexar o Día de Rosalía, con Uxía Senlle, Sergio Tannus e Héctor Lorenzo sobre o escenario. A oferta cultural complétase con senllas exposicións no Museo Municipal e outra, dedicada ao escultor Antón Faílde, na sala Valente.
O empapelado amarelo, de A quinta do cuadrante
Sábado 23 de febreiro. 20 horas. Entradas:5 €. Público: + 15 anos.
Dramaturxia de Tito Asorey e de Melania Cruz. O empapelado amarelo é un espectáculo teatral unipersoal baseado no relato autobiográfico homónimo publicado no século XIX pola autora norteamericana Charlotte Perkins Gilman, un referente feminista de gran importancia na historia da literatura universal. A proposta escénica busca dialogar coas palabras da escritora desde a nosa contemporaneidade a través da palabra, o ritmo e as atmosferas visuais e sonoras nunha viaxe sensorial liberadora cara aos territorios da loucura e a lucidez. Aforo máximo: 100 persoas.
GAIA, de Entremáns
Domingo 24 de febreiro. 12 horas. Público infantil e familiar (+3 anos)
Entremáns presenta o seu segundo espectáculo infantil, logo da boa acollida que tivo a nivel nacional o seu anterior espectáculo XOGA. Gaia é un espectáculo onde a voz e a danza nos achegan coñecementos dende unha óptica visual e imaxinativa. É unha historia en movemento na que a pintura, a música e o audiovisual nos axudan a descubrir a intensidade, o poder e a beleza das características do noso planeta e dos seus tesouros naturais. É un encontro didáctico co que entender a importancia da interacción entre as persoas e o medio ambiente.
Rosalía Pequeniña, concerto
Domingo 24 de febreiro. 18 horas. Espectáculo familiar gratuíto.
O 24 de febreiro, data do aniversario de nacemento de Rosalía de Castro, o Concello de Ourense celébrao con música, un dos mellores vehículos para descubrir e gozar da poesía. Uxía Senlle, acompañada de Sergio Tannus e Héctor Lorenzo, déixanos un feixe de cancións para retratar esa muller que uns chamaron tola e outros santa: a verdadeira Rosalía. Pirata, poeta, aventureira ou fada. Rosalía pequeniña para cantar, para rir, para gozar ou bailar.
Espazos expositivos
O Museo Municipal mantén dúas exposicións: ‘O paraíso nesta esquina’, unha colectiva dos artistas Belén Padrón e Xosé Carlos Seoane que ocupará as salas 1 e 2 até o 17 de marzo, e ‘Metauniversos Coditianos’, da fotógrafa coruñesa Loly Villoch, organizada en colaboración da Fundación Cum Laude. O Museo Municipal está aberto de martes a domingo no seguinte horario: de martes a sábados, de 11:00 a 13:30 e de 18:30 a 21:30 horas, e os domingos de 11:00 a 13:30 horas.
Ademais, e até o 31 de marzo, a sala Valente acolle ‘Antón Faílde e a natureza recoñecida’, de martes a sábado de 11 h a 13.30 h e de 18.30 h a 21.30 h e os domingos de 11 h a 13.30 h. A entrada é gratuíta.