A concelleira responsable da área de Tráfico, Seguridade Cidadá e Protección Civil, Cándida Couñago, presentou na casa consistorial o Plan de Autoprotección para o Entroido 2019.
Seguindo a liña que a área de Seguridade Cidadá do Concello de Verín está a desenvolver nos últimos anos, co obxectivo de organizar e garantir os medios e medidas necesarias en materia de seguridade de eventos para, que tanto os veciños como os visitantes poidan gozar do Entroido de Verín sen que se poña en risco a súa saúde e integridade física, elaborouse un Plan de Autoprotección para o Entroido 2019.
Devandito plan reflicte a coordinación necesaria entre os diferentes equipos de emerxencia e os protocolos de actuación a seguir, no caso necesario, para garantir a seguridade do público e dos profesionais que desempeñan a súa labor nas diferentes actividades que forman parte do Entroido de Verín.
O plan contempla ás seguintes medidas:
1. Reforzo dos equipos dos grupos de emerxencia que colaborarán nesta edición dos festexos: Protección Civil de Verín, Protección Civil de A Gudiña, Protección Civil de A Coruña, Protección Civil de Ferrol, Policía Local de Verín, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico e Axencia Galega de Emerxencias.
2. Posta en marcha dos seguintes grandes dispositivos de seguridade:
a) Desfile Infantil: o tráfico rodado do centro da vila estará controlado e regulado en todo momento para evitar que vehículos de grandes dimensións e/ou de mercadorías perigosas queden atrapados no transcurso do desfile (co obxectivo de evitar riscos e de garantir o acceso a calquera parte do desfile e da localidade aos diferentes grupos de emerxencia no caso de ser necesaria a súa intervención).
b) Desfiles do Domingo e Martes de Entroido: o dispositivo é similar a anos anteriores. Como o ano pasado, informarase a aquelas carrozas participantes nos desfiles que non queiran chegar ata ó final do percorrido (praza da Alameda) que teñen a única opción de facelo a través da ponte da N-525 que comunica co barrio de San Lázaro, co fin de evitar o colapso de rúas que serven de entrada a vehículos de emerxencia á zona do desfile. O horario de corte de tráfico rodado nas Avenidas Luís Espada e Castela será: o domingo a partir das 11:00 horas e o martes a partir das 16:00 horas.
c) Xoves de Comadres: este dispositivo contará coa participación de Policía Local de Verín, Garda Civil, Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Verín, Protección Civil de A Gudiña, Protección Civil de A Coruña e Protección Civil Ferrol. Devanditos equipos estarán coordinados dende o Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias que estará situado na praza García Barbón e que conta cun equipo de videograbación de seguridade. Haberá un posto sanitario situado na rúa Lisa e con maior capacidade que en anteriores edicións. Por primeira vez, contarase coa presenza dun médico durante toda a xornada.
d) Sábado de Entroido: realizarase un preventivo a noite do sábado no que se contará cun posto sanitario.
3. Como parte da implantación do Plan de autoprotección do Entroido de Verín 2019 realizouse un programa de información xeral ao público que consta das seguintes actividades preventivas:
a) No tríptico e no libro do Entroido, que se reparte entre os veciños e visitantes, incluíronse consellos de seguridade a seguir no caso dunha emerxencia, así como o plano coas vías de evacuación da praza García Barbón e das zonas de aparcamento libre gratuíto.
b) Instalación na praza García Barbón de carteis informativos cas súas vías de evacuación.
4. Plan de Mobilidade: Dentro do plan de autoprotección inclúese un plan de mobilidade. Este plan aborda aspectos como o medio ambiente, seguridade viaria, usos de vehículos privados, transporte público, uso do espazo público, características socio-económicas e concienciación.
Debido ao incremento de persoas e de vehículos nos días centrais do Entroido inténtase desenvolver unha folla de ruta que logre unha mobilidade sostible para mellorar a calidade de vida no medio urbano. O aumento da seguridade vial, diminución da contaminación e do tráfico son algúns dos obxectivos que ten devandito plan. Para conseguir esta cuestión, o Concello de Verín recomenda aos veciños así como aos visitantes que intenten reducir a utilización do vehículo privado e accedan ó centro da vila a pé.
Aparcadoiros gratuítos
Este ano o plan de mobilidade conta tamén coas zonas de aparcadoiro libre gratuíto recentemente implementadas en puntos estratéxicos da vila para alixeirar a presión do tránsito viario no centro de Verín:
– ZONA AMBULATORIO (rúa Juan Guerra Valdés)
– ZONA ADUANA (rúa Laureano Peláez)
– ZONA MERCADONA (rúa Rosalía de Castro)
– ZONA AVENIDA CASTILLA (rúa Luís Espada)
– ZONA FONTENOVA (Rúa Travesía)
– ZONA HOSPITAL (estada de Laza)
– ZONA CENTRO (avenida Luis Espada con avenida de Portugal)
Para a elaboración deste Plan de Autoprotección para o Entroido, o Concello de Verín tivo en conta as características das diferentes actividades programadas nesas datas, os lugares nos que se desenvolven, as características da festa e do público asistente.