O artista ourensán Alexandro inaugura unha nova mostra no centro cultural “Marcos Valcárcel” da Deputación de Ourense que baixo o título de “Lume!” recrea a realidade das paisaxes asoladas pola vaga de lumes. Na presentación desta exposición participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director do centro cultural, Francisco González; e o propio artista.
“Lume!”, a terceira mostra que o artista ourensán expón nas instalacións do centro cultural, ten unha “clara referencia ao medio ambiente e á problemática dos incendios que nos asolan en Galicia, pero tamén no resto do mundo”,dixo Francisco González. A mostra, comisariada por Xosé Antón Castro, foi a primeira que, “nos 20 anos que levamos abertos, non está dirixida polo responsable de montaxe que, por cuestións familiares non estará de volta ao centro cultural ata a vindeira semana, así que queremos que esta exposición sexa unha homenaxe a el que non nos puido acompañar”, explicou o director do centro cultural, Francisco González.
Pola súa parte, o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, destacou o papel do artista como “referente no mundo da pintura” e agradeceu que volvese unha vez máis a nosa provincia “para que os ourensáns poidan gozar da súa obra”.
A exposición está composta por máis de 30 obras distribuídas por toda a planta baixa do centro cultural, ocupando a sala de exposicións, pero tamén a sala cero e o hall. “Trátase dunha mostra que estiven a pintar desde o ano 2017 ata agora, e que non ten vocación de ser denuncia, senón de recrear esa parte artística que non ten nada que ver co desastre”, explicou Alexandro.
A mostra poderá visitarse ata o día 21 de abril.