O festival Piano Meeting volverá á cidade de Ourense no mes de setembro.
Na vertente máis pedagóxica haberá novos obradoiros. Un deles permitirá achegarse á música contemporánea e será impartido polo mestre do Conservatorio Superior de Música de Vigo, Nicasio Gradaille. O outro, será de iniciación ao Jazz e estará impartido polo pianista Abe Rábade.
Ambos músicos impartirán unha másterclass colectiva para os pianistas elixidos no concurso, tanto polo xurado profesional coma polo público.
Este ano a cita musical aposta por abrir novos horizontes. Neste sentido, e debido ao éxito da colaboración de Guadi Galego na pasada edición, este ano o escenario permitirá gozar do diálogo entre o pianista estradense Javier Otero, e Andrés Suárez, músico que comezou coa súa carreira na rúa e que se suma a vivir a experiencia de interpretar os seus temas acompañado dun piano. Dado o seu poder de convocatoria, este concerto axudará a achegar este tipo de música a un público diferente menos familiarizado co piano.
Concurso para pianistas profesionais
Xa dentro do que ven sendo habitual no festival Piano Meeting, haberá un concurso para pianistas profesionais. Un xurado profesional elixirá a 10 concursantes como finalistas para tocar o día do festival. Outros 10 serán elixidos por un xurado popular, vía redes sociais, e terán un espazo reservado para a súa actuación dentro da programación do festival.
O concurso conta cun premio en metálico de 1.000 euros para o primeiro finalista, e un de 500 para o segundo.
A data prevista será o 21 de setembro, e nas próximas semanas se coñecerán máis detalles, como os prazos de presentación ao concurso.