O recoñecido fotógrafo Pedro Armestre descóbrenos o seu traballo para ONG´s como Save de Children, Greenpeace e Alianza pola solidariedade.
A través do obxectivo da súa cámara, o fotógrafo ourensán Pedro Armestre achéganos ás inxustizas sociais e ambientais de todo o mundo. Tras experiencias anteriores como fotógrafo independente para organizacións non gobernamentais, en 2016 decidiu abandonar os medios de comunicación para dedicarse a amosarnos con imaxes as historias que a poucos lles gusta contar.
Como está a ser esta nova etapa profesional?
Pedro Armestre: “Deixei a información diaria en 2016, pero xa estaba vencellado coas realidades dos países en vía de desenvolvemento, non foi un cambio moi brusco, foi progresivo. Foi ir substituíndo un traballo polo outro. Agora estou moi centrado tanto en tema de defensa de dereitos humanos como en problemáticas ambientais e temas sociais en xeral.
Traballo moito para unha organización de infancia, Save de Children, e con eles estamos centrados no tema do coidado e protección dos menores, os seres máis vulnerables da sociedade na que vivimos.
Traballo tamén para Greenpeace, desde hai 20 anos, de feito este ano estamos a organizar o meu 20 aniversario na organización, que coincide co 35 aniversario da ONG en España. Así, estamos a preparar unha exposición para falar dos momentos chave do ecoloxismo e dos retos aos que nos enfrontamos.
E logo traballo para outra pequena organización, Alianza pola Solidariedade, que traballa dacabalo os dous temas: sociais e ambientais”.
Que mensaxe nos trasladas da túa experiencia?
P.A.: “Non deixo de ser un fío entre dous mundos. O meu traballo é sinxelo, transmitir o que ocorre dun lugar ao outro, nos dous sentidos. Non só contar o que acontece nos países en vías de desenvolvemento aos países supostamente desenvolvidos. Eses países en vía de desenvolvemento potencian cousas que nós esquecemos, como a solidariedade, o traballo en equipo… Persoalmente síntome moi desubicado, porque vivo nunha realidade no meu traballo, pero logo na miña vida pertenzo a outra. Hai veces que me sinto como fóra de lugar e é difícil convivir con esa situación.
Para min o mundo está cheo de xente boa e xente mala, nada máis. Hai moita máis xente boa, e esa quere o ben e a igualdade. Non hai diferenza entre homes, mulleres, relixións, partidos… Esta sociedade obrígate a situarte. Considérome un home de esquerdas, pero por qué non podo aplaudir unha decisión dun partido de dereitas se é boa para a sociedade na que vivo?”.
Podes dicir que viches moito mal?
P.A.: “Si, ves moito mal, e iso é duro, pero tamén ves ben, ves que a xente se apoia. Pero o mal non deixa de ser consecuencia do comportamento dos países desenvolvidos, aos que lles interesa fomentar a diferenza, estar por enriba, aproveitarse dos recursos naturais e pagalos a custo moi baixo. E se o país se nega, invádeno e quedan con todo.
Só o 7% da poboación mundial vive coma nós, somos uns privilexiados. Podiamos nacer en calquera cultura ou país, deberiamos sentirnos orgullosos de onde nacemos e non ir a putear a ese 93% restante. Todo se chama diñeiro, e non debería ser así”.
Sobre que che gustaría que deixase constancia o teu traballo?
P.A.: “Vivimos de costas ao mundo. O meu traballo non deixa de ser contar cousas, fuxo cando se di que o fotógrafo ou o xornalista viaxa polo mundo para cambialo. Eu non son quen diso, o que teño que facer é informar ben, que a información che chegue e que ti exerzas os teus dereitos para cambiar as cousas. Esa imaxe de fotógrafo e xornalista salvador do mundo non é así. Para min o mellor premio é que o meu traballo chegue á xente”.
Que é o que máis che impactou nestes anos?
P.A.: “As infancias desamparadas que hai polo mundo, hai situacións moi dramáticas. E a nivel ambiental, tamén me preocupa moito que estamos a dar as costas a procesos que se están desenvolvendo a unha velocidade tremenda e vannos acabar expulsando. Nós desapareceremos e o planeta recuperarase. É evolución. Cando se fala de especies en vías de extinción penso no home, por dúas razóns moi sinxelas, por superpoboación e polo capitalismo, estamos a crear un sistema de crecemento constante. Creo que en maio superaremos o potencial que a Terra nos pode ofrecer para subsistir”.
En canto ao cambio climático, cal foi a imaxe máis impactante que inmortalizaches?
P.A.: “Tiven dúas veces na vida a sensación de que o mundo se paraba. Unha foi gravando ao pianista italiano Ludovico no Ártico para Greenpeace, fixemos un concerto a un iceberg. Un reto brutal. O piano viaxou embalado no barco e o pianista estaba moi preocupado por se estaba desafinado porque atravesamos un temporal. El traía un tema preparado para a ocasión.
Houbo un momento en que se baixa o piano á plataforma e nese intre eu atopábame na cola do piano instalando unhas cámaras para facer uns planos fixos. O pianista baixa, ponse enfronte do piano, levanta a tapa, senta, coloca os dedos, levanta a mirada cara a un iceberg inmenso, está en silencio tres ou catro segundos, e entón toca a primeira tecla e a música metéuseme dentro, notei a vibración das cordas, e aí tiven a sensación de que o mundo se parou. Estiven os segundos que duraba a peza alucinado. Así, aínda que esta campaña tiña a finalidade de concienciar sobre algo catastrófico eu teño un dos recordos máis fermosos”.
Pregunta obrigada, e cal foi a outra vez?
P.A.: “Foi en Guatemala. Alí eles senten animais, parte da natureza. Levaban uns días preparando un ofrecemento á auga polas colleitas e eu quería ir, pero teñen que darche permiso. Conseguino. Chego alí e apareceron con incenso, pancartas porque sabían que estabamos un cámara e eu, e comezaron a facer o ritual. E nun momento dado, pensarás que estou tolo, pero a auga do río parouse, coma se fose un charco. Estabamos os dous flipando. Era coma se as vibracións parouno, foi uns instantes, pero foi incrible”.