A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, acompañada das xefas territoriais das Consellerías de Sanidade e Educación en Ourense, Laura López del Castillo e Luz Fernández Quintas, respectivamente, acudiu ao CEIP Padre Crespo de Xunqueira de Ambía, un dos centros educativos da provincia de Ourense adheridos ao programa Aliméntate ben, na súa modalidade Xermoliño. Este programa ten por obxectivo fomentar hábitos alimentarios na poboación infantil a través de dietas equilibradas e utilizando produtos de calidade que garantan unha alimentación e desenvolvemento axeitado.
A iniciativa Aliméntate ben, que forma parte do Plan educativo Proxecta, acolle as iniciativas canalizadas a través da Consellería de Sanidade (proxectos Xermoliño e Xermolón e Cociñando con Saúde), do Fondo Galego de Garantía Agraria da Consellería de Medio Rural (Plan de froita na escola e Plan de lácteos na escola) e da Consellería do Mar (Ponlle as pilas ao teu bocata e O sabor da aventura está no mar).
A delegada territorial trasladoulles aos 75 escolares deste CEIP a importancia de levar hábitos de vida axeitados, especialmente no referente á alimentación, na procura de axudar a xerar costumes e actitudes saudables que contribúan ao seu crecemento.
Os centros que se sumaron a este programa estableceron un proxecto no que traballan durante todo o curso con accións encamiñadas a: coñecer as necesidades alimenticias por grupos de idade, por nivel de actividade física, etc; realizar actividades prácticas cos produtos alimenticios; interpretar a información da etiqueta nutricional no momento da compra; analizar a oferta alimentaria do contorno do centro educativo (comedor, cafetería, quiosco etc.); reflexionar sobre as mensaxes publicitarias que proceden do ámbito da alimentación; elaborar propostas de mellora respecto da oferta alimentaria no contorno do alumnado.
A actividade estruturouse nun obradoiro de alimentación saudable e a importancia do etiquetado para os escolares de 1º, 2º y 3º de Primaria, mentres que o alumnado de 4º, 5º y 6º participaron noutro taller no que, ademais da alimentación saudable, se analizaron e se avaliaron os menús.
Díaz Mouteira indicou que este tipo de actividades son necesarias para un correcto desenvolvemento do Plan Xermola de prevención da obesidade infantil e para acadar unha poboación adulta sen sobrepeso nin obesidade.
Prevención da obesidade
Segundo o estudo Aladino, entre os factores asociados a obesidade infanfil, relaciónase de forma significativa non almorzar, ver a televisión máis de 2 horas diarias e durmir menos de 7 horas. Ademais, segundo informes especializados, no patrón alimentario dos nenos españois destaca o baixo consumo de verduras, cereais e patacas, o moderado de froita e o alto consumo de carnes roxas e embutido.
As modalidades do programa Aliméntate ben fan ao alumnado protagonista da súa aprendizaxe en colaboración cos compañeiros e compañeiras. Os proxectos que realizan os centros deben implicar aos axentes da comunidade educativa (profesorado, alumnado, familias, institucións…) e crear entre todos unha rede de traballo cooperativo que mellore o xeito de ensinar e aprender.