A Concellería de Xuventude bota a andar unha nova iniciativa para motivar a participación da mocidade ourensá. Ourensexove é “un programa de actividades alternativas de lecer, recreativas, de fácil accesibilidade, saudables, para realizar individualmente e gozar en grupo”, en palabras da concelleira Sofía Godoy, que se desenvolverán entre os meses de abril e xuño. Os destinatarios das actividades, gratuítas, son mozos e mozas de 14 a 35 anos.
Ourensexove nace co obxectivo de promocionar o lecer saudable dende o ámbito municipal, instalar ou modificar pautas que fomenten o desenvolvemento persoal e a creatividade, así como o de ofrecer espazos públicos e actividades para un lecer activo e positivo. Outro dos obxectivos é o de pór en valor e dinamizar o Espazo Lusquiños como lugar de encontro.
Así, entre as propostas do Ourensexove atopamos aero-ioga, defensa persoal, xestión emocional ou ‘Patinando pola cidade’, en horario nocturno, entre outras. Tamén gañan peso nesta programación as actividades musicais: coidado e uso da voz, a batería nos diferentes estilos de música (pop, rock, latina, jazz), cursos de Dj, como preparar un cásting (impartido por Diana Tarín, finalista do programa LaVoz) ou o ‘Culture Spot’, que consiste na práctica activa do inglés a través de xogos, gastronomía ou música. Tamén se prevén dous torneos, de mesa e de vídeoxogos, para fomentar a participación colectiva.
As actividades realizaranse en diferentes zonas da cidade: Espazo Lusquiños, El Taller, Cruz Vermella, rúas e prazas da cidade, e para inscribirse é preciso entregar a ficha de inscrición que se poderá atopar no web Ourense.gal – Concellería de Xuventude a través do enderezo de correo electrónico xuventude@ourense.es.
O prazo de inscrición comeza o martes día 2 de abril ás 9 horas, e a admisión será por orde de entrada ata cubrir prazas.