O programa inclúe música, arte, danza e roteiros.

Ocio en Allariz na Semana Santa

Allariz ofrece a veciños, veciñas e turistas o programa “Semana Santa ao Vivo” que inclúe música ao vivo nas rúas, mercados de artesanía e de gastronomía ou sesión de xogos tradicionais para as familias e outras novidades desta edición como as rutas interpretadas polo casco histórico ou a xuntanza de artistas da pintura que retratarán recunchos de Allariz.
A música ao vivo terá, como é habitual, un protagonismo especial na programación da Semana Santa en Allariz. O casco histórico encherase de ritmo grazas ás actuacións de rúa dos grupos galegos: Adrián Timms (folk/indie/pop), Banet (indie-pop, funk, synth-pop, psicodelia), Raiceira (folk tradicional), Iván Caride (pop-rock), GarménHarper (tradicional/bossa/clásico/versións) e Sheila Patricia (world music/pop).

Tamén actuará o grupo alaricano “Os dous porquiños” e o solista Rubén Darío de Prado con versión de distintos estilos musicais. E como novidade, xa que o pasado non puido ser polo mal tempo, incorpórase ás actuacións a disciplina de danza contemporánea coa Licenciada Sotelo.
Dende o xoves ao domingo tanto veciños e veciñas como os visitantes de Allariz poderán gozar destas actuacións en horario de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas.

Novidades
Unha novidade importante para este ano é a iniciativa “Ruta interpretada por Allariz”. O obxectivo da mesma é amosar, durante unhas dúas horas e acompañados de guías especializados na historia e patrimonio de Allariz, algúns dos recunchos con máis tradición da vila. Terá lugar os días 19 e 21 de abril ás 11:30 horas.

E ademais, o domingo 21, Allariz recibirá a visita do movemento Urban Sketchers de Ourense. Artistas da pintura e do debuxo, profesionais e afeccionados, aos que se poden unir todas as persoas que o desexen, para celebrar o Maratón de bocetos do Centro Histórico de Allariz.