Na provincia hai cinco establecementos no programa.

‘Benestar en Balnearios’ ofrece 170 prazas para persoas maiores

A Xunta de Galicia ten aberta a convocatoria para unha nova edición do programa ‘Benestar en Balnearios’ que impulsa a Consellería de Política Social e co que pretende contribuír ao mantemento da autonomía das persoas maiores, facilitándolles a posibilidade de gozar duns días de descanso, convivencia e tratamento termal; e así ocupar o seu tempo libre dun xeito activo e positivo. As persoas interesadas teñen ata o vindeiro día 2 de maio para presentar as súas solicitudes, poden facelo a través da sede electrónica da Xunta ou dos respectivos rexistros.

Cinco balnearios da provincia ofertan prazas neste programa na provincia ourensá. En concreto, o balneario de Laias, que está indicado para as persoas que precisen terapias reumatolóxicas, oferta un total de 26 prazas do 9 ao 18 de xullo.

En total, en Ourense ofértanse 170 prazas ás galegas e galegos de máis idade que cumpran os requisitos esixidos na Orde publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). Os establecementos ourensáns incluídos neste programa, ademais do de Laias, son: Caldaria Termal Arnoia (28 prazas), Balneario de Molgas (36 prazas), Gran Balneario do Carballiño(60 prazas), e Lobios (20 prazas).

700 prazas en toda Galicia
No resto de Galicia participan: Baños Vellos de Carballo(112), Balneario de Acuña (Caldas de Reis) (20), Os Baños da Brea (Vila de Cruces) (26), Balneario de Caldelas (Tui)(26), Termas de Cuntis (106), Balneario de Mondariz (56), Termas de Lugo(100), Hotel Balneario Augas Santas (Ferreira de Pantón)(60) e Balneario do Río Pambre (Palas de Rei) (26). En toda a comunidade, a Xunta oferta 700 prazas nun total de 14 balnearios.

Talasoterapia
A Xunta tamén activou outro programa ‘Benestar a través da Talasoterapia’ ao abeiro do que pon á disposición dos maiores de 65 anos ou de 55 que sexan pensionistas 362 prazas no Hotel Talaso Louro da Illa da Toxa e no Thalasso Cantábrico de Viveiro.