Instalaranse catro pianos (nas Burgas, no Parque de San Lázaro, no xardín do Posío e na praza Maior).

O pianista Javier Otero e o cantautor Andrés Suárez abrirán o Piano Meeting

O vindeiro 28 de setembro Ourense acollerá a III Edición do Piano Meeting, unha cita que este ano apostará por achegarse a un público máis novo cun gran concerto a cargo do pianista e director do evento, Javier Otero, e do cantautor ferrolán Andrés Suárez.
O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, destacou que “esta terceira edición supón un orgullo para Ourense, porque confirma que é a única cidade que pode presumir dun ciclo dedicado ao piano nas súa rúas, e porque será unha edición máis ambiciosa na que apostamos por chegar a máis público”.
Así, salientou que o reto de captar novos espectadores contará cunha baza excepcional: o concerto conxunto que ofrecerán o pianista Javier Otero e o cantautor ferrolán Andrés Suárez, quen se desprazou expresamente a Ourense para esta presentación. Ambos interpretaron un tema conxunto que serviu como aperitivo para o concerto do día 28 de setembro.
Durante a súa intervención, o rexedor agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia, representada a través da xefa territorial de Cultura, Sandra Quintas; e da empresa Viaqua, representada polo seu director en Galicia, Julio Masid, pola súa aposta decidida pola Cultura.
A Praza Maior de Ourense foi o escenario escollido para dar a coñecer a vindeira edición do Piano Meeting, que nesta terceira edición tamén apostará pola formación dos seus participantes.
Neste sentido destaca a realización de dous obradoiros. Un deles para achegarse á música contemporánea, que será impartido polo mestre do Conservatorio Superior de Música de Vigo, Nicasio Gradaille. O outro, será de iniciación ao Jazz e estará impartido polo pianista Abe Rábade.

Ambos músicos impartirán unha masterclass colectiva para os pianistas elixidos no concurso, tanto polo xurado profesional coma polo público.

Concurso para pianistas profesionais
O Piano Meeting terá lugar nun só día, pero será un acontecemento inesquecible: 4 pianos (nas Burgas, no Parque de San Lázaro, no Xardín do Posío e na praza Maior) e un mínimo de 60 pianistas farán que soe a música sen descanso durante un día, rematando cun gran concerto final precisamente na praza Maior.

Xa dentro do que ven sendo habitual no festival Piano Meeting, haberá un concurso para pianistas profesionais. Un xurado profesional elixirá a 10 concursantes como finalistas para tocar o día do festival. Outros 10 serán elixidos por un xurado popular, vía redes sociais, e terán un espazo reservado para a súa actuación dentro da programación do festival.

O concurso conta cun premio en metálico de 1.000 euros para o primeiro finalista, e un de 500 para o segundo. O concurso xa está aberto. Os interesados poden consultar na páxina www.pianomeeting.com.