Cristina Cid leva de concelleira en Allariz desde 1995 e desde o 21 de xuño do ano pasado é alcaldesa, trala renuncia de Francisco García. Agora preséntase como cabeza de lista para que o BNG continúe gobernando outros catro anos.
En que mellorou Allariz nos últimos catro anos?
Cristina Cid (C.C.): “Moito. Se miramos a provincia vemos que a provincia vaciada en Allariz non se produce. A pesares da crise, dos recortes.. cada ano medramos nunha franxa moi importante, a de nenos e de xente nova ata 40 anos. Con esta pirámide poboacional podemos ter futuro, que agora mesmo é o máis importante nesta provincia”.
Como definiría a situación actual de Allariz?
C.C: “É unha excepción a todo o que sucede, pero non quita que teñamos problemas igual. Os problemas coa poboación e a economía fan que haxa un menor consumo e para Allariz é difícil abstraerse do seu entorno. Por desgraza estamos nunha provincia sen empresas, sen industria e con descenso de poboación. Nese contexto podemos dicir que a situación de Allariz é boa pero non somos conformistas”.
Cal é o principal problema que ten Allariz?
C.C: “Ver como podemos incrementar a poboación e a economía nas zonas rurais. Incrementar o número de explotacións, as superficies agrarias e forestais abandonadas para que volvan producir”.
Cal sería a medida máis importante que quere levar a cabo?
C.C: “Seguir incidindo no sector primario”.
Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
C.C: “Hai unha programación de eventos moi importante que mantén o fluxo de visitantes cada ano e a actividade económica. O reto é seguir afondando no aproveitamento da marca Allariz para crear actividade económica e para comercializar moitos produtos da produción local baixo a marca Allariz e podan ter unha mellor introducción no mercado”.
Como definiría a lista do BNG en Allariz?
C.C: “Creo que é a mellor lista que podería desexar. Hai profesionais de prestixio, persoas comprometidas e activistas sociais, persoas que decidiron que Allariz era ese sitio onde desenrolar o seu proxecto de vida. Hai unha candidatura que reflexa todo o que é Allariz agora e apostaría que é a mellor candidatura da historia de Allariz”.
Pactaría con algún outro partido para gobernar?
C.C: “Contemplamos continuar coa maioría absoluta que temos, cremos que é posible. Faremos unha campaña desde a humildade para pór en valor todo o que fixemos e o que faremos e non comtemplamos o escenario de que sexa necesario pactar”.