Ramón Padrón é o cabeza de lista de CxG en Barbadás.
Como definiría a situación actual de Barbadás?
Ramón Padrón: “Ata agora houbo unha xestión errática que supuxo un retroceso no peso económico. Barbadás viu ralentizado o crecemento do seu orzamento municipal o que trae consigo unha prestación cada vez máis decadente dos servizos básicos que presta. Ademais, asumimos servizos e gastos supérfluos que hipotecan ese orzamento. En 2012 eramos o único concello da provincia que aportaba máis en cotizacións laborais á Seguridade Social do que recibía desta en axudas e pensións. En 2019, recibimos máis do que aportamos”.
Cal é o principal problema que ten e que solución propón?
R.P.: “O dito anteriormente, un retroceso económico. Os gobernos que houbo non foron quen de crear un polígono comercial ou loxístico tendo en conta a situación privilexiada ao estar A Valenzá pegada á capital e con moi bos accesos.
Ademais, queremos fixar poboación nos núcleos rurais. Activaremos medidas para facer atractiva a reforma de vivendas nesas zonas e de iniciativas para rebaixar os alugures de pisos na Valenzá”.
Cal sería a medida máis importante que quere levar a cabo?
R.P.: “Conquerir finanzamento doutras administracións para irnos dotando de infraestruturas das que carecemos: centro de día, unha nova gardaría municipal, auditorio, novas dependencias para a Escola de Música e Policía Local, instituto…”.
Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
R.P.: “Apoio decidido ao tecido produtivo do municipio, máis iniciativa comercial e empresarial, fixar poboación en pobos e aldeas, e conseguir que os alugueres sexan os máis baixos da comarca”.
Como definiría a lista de CxG en Barbadás?
R.P.: “Residentes no concello procedentes de todos os ámbitos laborais e sociais, que viven a realidade cotiá”.
Que lle parece a irrupción de novas formacións en Barbadás?
R.P.: “Supón, a priori, que hai máis interese na veciñanza en partcipar no destino de Barbadás”.
Pactaría con algún outro partido para gobernar?
R.P.: “En ausencia de maiorías absolutas, os pactos son obrigados para a estabilidade dun mandato”.