Bernardo García buscará que a confluencia de Anova, EU, Podemos e independentes medre en concelleiros tralo 26M.
Como definiría a situación actual do Carballiño?
Bernardo García: “Carballiño está nun punto crítico. Se ben non é a peor da provincia -mantense a poboación arredor dos 14.000 habitantes -, percíbese un certo estancamento que non é negativo polos emigrantes retornados e a xente da comarca que se instala na vila”.
Cal é o principal problema?
B.G.: “O laboral. Os sectores do comercio e hostalería sofren unha sobresaturación de oferta non compensada polo baixo nivel de consumo. Os períodos especiais de verán, Nadal, Entroido ou Semana Santa non abondan para dinamizar a economía á altura que sería de desexar”.
Cal sería a medida estrela a levar a cabo?
B.G.: “Sería importante a inclusión da comarca na área de transporte metropolitano de Ourense. A proximidade xeográfica con boas comunicacións favorecerían a actividade económica tanto insdustrial como turística”.
Que propón para a dinamización económica?
B.G.: “A recuperación do sector agroalimentario en réxime de producción ecolóxica, en colaboración coa hostalería. O termalismo e o turismo cultural son dous polos que se deberían promocionar máis nos ambientes dos turoperadores. Seguir promocionando a industria arredor das enerxías renovables con presenza destacada xa no polígono da Uceira e dando saída ao sector forestal cunha Planta Comarcal de Biomasa”.
Que opina da irrupción de novas formacións?
B.G.: “Poden influir na formación de maiorías de goberno, mais non na liña política mantida até o de agora, por tratarse de duplicacións do existente ben sexa PSOE ou PP”.
Como definiría a lista de Alternativa Veciñal?
B.G.: “Está composta por un mosaico variado de persoas procedentes de diferentes culturas ideolóxicas dentro do espectro da esquerda real pero que converxen na idea de recuperar a confianza e implicación da cidadanía no tan denostado mundo da política”.
Pactaría para gobernar?
B.G.: “O arte de gobernar, se non hai maiorías, consiste en negociar e consensuar. Os escenarios que se poidan dar serán analizados o 27 de maio”.