Chema Ferreiro é o candidato do BNG para estes comicios nos que non ve unha “maioría absoluta”.
Como definiría a situación do Carballiño?
Chema Ferreiro: “De parálise, este mandato foi dos peores. Os enfrentamentos entre o grupo de goberno e a posterior escisión condicionou negativamente os avances do concello”.
Cal é o principal problema?
C.F.: “A falla de dirección política que fixe obxetivos claros que promovan o desenvolvemento das potencialidades que temos e fundamentalmente a promoción do turismo e o termalismo”.
Cal sería a medida estrela a levar a cabo
C.F.: “A erradicación do chavolismo, fundamentalmente o poboado da Fontela, que aínda que está no límite do concello de Maside, é O Carballiño quen sufre o impacto, con independencia das medidas tendentes a garantir unha salubridade e condicións dos seus poboadores”.
Que propón para a dinamización económica?
C.F.: “Promoción do parque empresarial, promoción turistico-balneario, estudo para establecer unha planta de coxeneración non contaminante que permita axudar na loita contra os incendios. Ao mesmo tempo, poderíase conveniar con concellos limítrofes para este mesmo cometido, promovendo por conseguinte a creación de postos de traballo”.
Como definiría a lista que vostede lidera?
C.F.: “Homes e mulleres preparados para gobernar. A valía da nosa candidatura está sendo valorada moi positivamente polas veciñas”.
E a irrupción de novas formacións?
C.F.: “Toda organización e, polo tanto, persoas que están dispostas a traballar polo seu pobo, deben ser benvidas”.
Pactaría para gobernar?
C.F.: “É imprescindible falar con todas as organizacións que acaden representación”.