O concelleiro, e alcaldable de OUeC buscará continuar o traballo realizado no Concello nos últimos catro anos e se é posible, no Goberno.
Como definiría a situación actual de Ourense?
Martiño X. Vázquez: “Todo segue igual que en 2015 pero máis vello. Ourense retrocedeu. Porén si houbo quen estivo encantado coa súa xestión. Empresas que prestando un servizo precario cobraron moi ben. Especuladores que agora pagan menos impostos e teñen as súas demandas recollidas nun PXOM aprobado a porta pechada. Mesmo bancos aos que se lles pagou toda a débeda municipal”.
Cal é o principal problema de Ourense?
M.V.: “O primeiro e máis importante porque condiciona o resto é o desemprego. A debilidade do noso tecido económico non xera suficiente emprego e obriga a xuventude a marchar. Isto resta activos e capital humano para transformar Ourense nunha cidade mellor que coide e atenda as necesidades de todas as persoas.
No primeiro trimestre de 2018 a provincia de Ourense contaba con 130.000 persoas activas, no cuarto eran xa 900 persoas menos. Indicadores negativos igualmente visibles na taxa de actividade (47,7%) e na taxa de ocupación (41,5%), sendo ambas as máis baixas de España e moi lonxe da media galega (53% e 46,6% respectivamente)”.
Cal sería a medida estrela que quere levar a cabo nos vindeiros catro anos?
M.V.: “A nosa política non é de AquaPark. Se teño que escoller tres poderían ser plan de emprego municipal, con partida orzamentaria propia e recorrente, enfocado aos colectivos de maior risco dentro da cidade, mulleres, mocidade e maiores de 50 anos. É preciso a posta en marcha inmediata das medidas de pacificación do tráfico contempladas no Móvete por Ourense. Creación dunha Sociedade Municipal de Augas, en colaboración coa universidade, para explorar vías de explotación e innovación arredor do termalismo”.
Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
M.V.: “O urbanismo e ter unha cidade máis amable tamén fomenta o comercio, por exemplo. Con todo, por destacar algunha: bonificación e progresiva fiscal para pemes e pequeno comercio; ademais dunha aposta decidida pola potenciación da IXP e a produción local. Activación de sectores estratéxicos, mediante un “Pacto Local polo Emprego”.
Como definiría a lista de OUeC que vostede lidera?
M.V.: “A mellor candidatura posible, profesionais para un goberno eficiente”.
Que opinión lle merece a aparición de novos partidos políticos?
M.V.: “Se algo aprendemos do 15M é que a participación política nunha democracia é algo moi saudable”.
Non cre que partidos como Ourense Mellor e Podemos separan os votos da esquerda?
M.V.: “É curioso que aquelas que viñan a unir terminen dividindo pero tamén é certo que a unidade non sempre é a fórmula máxica. Andalucía demostrou que a dereita dividida suma e a esquerda xunta restou”.
Pactaría con algún outro partido para gobernar tralo 26M?
M.V.: “Nós falaremos con todo o mundo, por suposto. Para iso estamos en política. Porén só pactaremos un goberno con aquelas forzas políticas que compartan que a saída desta parálise só pasa por un goberno verde, de progreso e feminista. E por iso que Ourense en Común ten que liderar ese bloque de progreso”.