Unidas Podemos concorre nestas eleccións por primeira vez en Ourense.
Como definiría a situación actual de Ourense?
David Alvarado: “Os catro últimos anos de xestión do PP á fronte do Concello non aportaron absolutamente nada. Foi unha lexislatura perdida, na que non cesaron de presentarnos a Ourense como unha aldea grande, lastrada por mil e un hándicaps, imposibilitada no seu porvir, onde os responsables á fronte do Goberno, incapaces, mediocres e faltos de imaxinación”.
Cal é o principal problema?
D.A.: “É urxente poñer os cementos para a construción dunha cidade con futuro, equitativa e inclusiva; facer un Ourense onde todas se sintan protagonistas, con veciñas e veciños implicados nos asuntos cotiás; devolver a ilusión ás nosas mulleres e homes, e que Ourense ocupe o lugar que realmente lle corresponde; e impulsar un proxecto socioeconómico chamado a reverter as dinámicas que teñen acentuado as diferenzas entre persoas e barrios”.
Cal sería a principal medida que quere levar a cabo?
D.A.: “Ourense precisa dun proxecto, dun conxunto de iniciativas, a varios niveis, que poidan invertir a tendencia dos últimos anos: medidas estruturais e de fondo, medidas transversais e logo, por suposto, accións moi concretas.
Apostamos pola remunicipalización, despois de constatar que os servizos externalizados son de peor calidade e máis custosos, amais de beneficiar exclusivamente a un selecto grupo de empresarios en conivencia co PP. Queremos recuperar, ordenada e legalmente os servizos que sexan posibles, e os que non revisarémolos e crearemos unha comisión que dea conta do estado das mesmas”.
Que propostas ten para a dinamización económica do concello?
D.A.: “Para nós é moi importante que Ourense se erixa no que realmente é: a terceira cidade de Galiza, unha cidade con moito que dicir no Estado español e unha urbe que podería ser referente mesmo en Europa, e no mundo. Abriremos a nosa cidade ao mundo, para ir nós aló onde haxa oportunidades ou para atraer posibles investimentos, operadores, profesionais de diferentes sectores. Por iso, levamos no noso programa a creación dunha concellería de Acción Exterior para a reactivación do noso tecido socioeconómico”.
Como definiría a lista de Unidas Podemos?
D.A.: “A nosa candidatura está composta por mulleres e homes de diferentes extraccións e perfís, de diferentes xeracións, cadaquén competente e con experiencia no seu”.
Que opinión lle merece a aparición de novos partidos políticos nestas eleccións?
D.A.: “No que algúns ven un exemplo de boa saúde democrática, nós vemos unha sorte de menosprezo pola propia institución municipal”.
Con formacións como a vosa, Ourense Mellor e OUeC, non teme que se atomice o voto e se perdan concelleiros?
D.A.: “Non nos presentaramos en 2015. Nós defendemos e batallamos en prazas como Compostela, Madrid ou Bruxelas, e non esa pléiade de partidos e organizacións que pretenden que a nosa cidade sexa un ente autárquico e que proxectos exclusivamente locais, sen ningunha outra proxección territorial e institucional, poden defender os intereses das veciñas e veciños de Ourense. Nós representamos a única opción seria e de futuro de esquerdas para a cidade”.
Pactaría con algún outro partido para gobernar tralo 26M?
D.A.: “Por suposto que nós saímos a gañar! Dito isto, nunca ofreceríamos un goberno a formación alguna que se atope nas nosas antípodas programáticas, ou que non comparta os nosos valores e non sexa quen de implementar medidas para construir un porvir que non se esqueza de ninguén, inclusivo e sostible”.