O Concello da Peroxa recibiu 30.000 euros do Fondo de Compensación Ambiental para obras de saneamento no lugar de Corneda.
Marta Fernández-Tapias, directora xeral de Administración Local, indicou na súa visita á localidade que o Diario Oficial de Galicia publicou o pasado martes a resolución da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza das solicitudes da Orde do Fondo de Compensación Ambiental (FCA), cun total de 7,8 millóns de euros.
Os concellos da provincia de Ourense recibiron este ano preto de 1,4 millóns de euros ao abeiro do FCA que subvenciona investimentos relacionados coa mellora do entorno e a conservación natural. Concretamente, na súa liña competitiva o Goberno galego apoiará con 915.793,42 euros a execución de 30 proxectos noutros tantos concellos e en catro mancomunidades da provincia ourensá. Das actuacións que se van a levar a cabo no territorio ourensán ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, 20 corresponden a solicitudes individuais de concellos, mentres que as 10 restantes se executarán pola solicitude conxunta de varios concellos. Con respecto á liña non competitiva, 10 concellos foron beneficiados do Fondo por importe de 439.459,03 euros.
Marta Fernández-Tapias e a Marisol Díaz Mouteira xunto ao alcalde en funcións, Manuel Seoane, analizaron as obras que se van a executar grazas a estes fondos e que consisten na mellora do saneamento no núcleo de Corneda. Na actualidade Corneda carece dunha rede de recollida de augas residuais procedentes das vivendas. Grazas a achega da Vicepresidencia realizaranse as obras necesarias para a recollida e condución das augas residuais deste núcleo de poboación ata un colector existente da rede municipal de sumidoiros que discurre cara a EDAR deste municipio. Con esta actuación eliminaranse os verquidos sen depurar que se producen en Corneda, protexendo o medio ambiente.