A carreira por montaña “Chandrexa Trail”, que reunirá aos mellores corredores galegos, celebrarase o vindeiro 23 de xuño, cun percorrido de 34 quilómetros que comezará ás 8.30 horas diante do edificio do Concello de Chandrexa de Queixa, na localidade de Celeiros. O percorrido da proba discorrerá polos montes de Bretelo, Requeixo e Zamorela, cruzando a Serra de Chandrexa de Queixa e pasando polas localidades de Forcadas, Requeixo e Castelo. A proba contará cun máximo de 350 participantes.
Ademais do trail que é “Campionato Galego de Carreiras por Montaña polo que traerá aos mellores corredores galegos a Chandrexa de Queixa” –dixo Óscar Sánchez, representante do Club Running Sport Trail-, ese mesmo día disputarase unha andaina e un cros de 18 quilómetros de percorrido ambas probas. O cros, Campionato Galego júnior, comezará ás 10 horas e a andaina ás 9 horas, ambas tamén sairán desde a Casa do Concello de Chandrexa de Queixa. O traxecto discorrerá por camiños, pistas forestais e campo a través. Neste caso, o número máximo de participantes é de 250 persoas en cada proba.
Por último, celebrarase tamén un cros de 7,3 quilómetros que comezará ás 10.30 horas. A proba puntuará para a Copa Galega Cadete e a súa vez estará dispoñible para todo aquel que queira iniciarse no mundo do trail.
En canto aos datos de participación, o representante do do Club Running Sport Trail dixo que estaban “satisfeitos polo aumento de inscritos na carreira ao longo destas edicións”, e destacou que a proba conseguiu manter unha porcentaxe estable de entre un 12% e un 20% de corredores que veñen de fóra de Galicia, “incluso de Portugal, o que lle outorga carácter internacional á competición”, sinalou Óscar Sánchez. Asemade, nos últimos catro anos, a participación feminina mantense entre o 20% e o 28%.
Inscrición
Os interesados en participar nalgunha destas probas poderán inscribirse a través de Championchipnorte, agromacen e runmaniak, ata o día 9 de xuño por un prezo, e do 10 ao 20 de xuño a inscrición terá outro custe máis elevado.