O Campamento da Ourensanía “Explora Ourense” 2019, que organiza a Deputación de Ourense coa colaboración do concello de Muíños e Sustinea, volverá a amosar á mocidade ourensá a riqueza natural e cultural da nosa provincia cun amplo programa de actividades lúdicas e educativas que teñen como elemento común a natureza da Baixa Limia.
O campamento, que está destinado a 50 rapaces da provincia de entre 9 e 14 anos, desenvolverase no complexo turístico do Corgo, en Muíños, en dúas quendas: do 1 ao 6 de agosto ofreceranse 25 prazas para os nenos de entre 12 e 14 anos, e do 7 ao 12 de agosto, outras 25 prazas, para os rapaces de idades comprendidas entre os 9 e os 11 anos. Os interesados en participar poderán solicitar a súa praza desde o 17 ata o 28 de xuño no rexistro da Deputación de Ourense. As follas de solicitude poderán obtelas no rexistro provincial ou na páxina web www.exploraourense.com. O sorteo das prazas realizarase o día 2 de xullo no centro cultural “Marcos Valcárcel”, nun acto que estará aberto ao público e que se poderá ver a través da web da Deputación. O prezo de inscrición é de 88 euros.