Coincidindo co día de elección dos xuíces honorarios do Couto Mixto, o sábado 6 de xullo de 2019, ás 13.30 horas, a asociación Platea Lúa, amosará dun xeito ameno e didáctico a historia do Couto Mixto a través dunha pequena representación teatral protagonizada por catro personaxes que axudarán a coñecer as singularidades dun enclave único no territorio galego, español e portugués, así como europeo. Preténdese que a xente aprenda a través da diversión e a visita durará uns 20 minutos. A representación realizarase no adro da igrexa de Santiago de Rubiás.
Previamente, ás 12 horas, serán nomeados “os tres xuíces honorarios, que normalmente recaen en persoas físicas que desenvolven algún labor ao redor do Couto Mixto. Este ano recaeu en Mercedes Vázquez, polos seus traballos etnográficos sobre este singular enclave; Xesús Díaz, quen acaba de publicar un poemario inspirado no Couto Mixto; e o terceiro, que normalmente é para unha institución, este ano recae no Concello de Melgaço que é o que nos faltaba do lado portugúes.
Así mesmo, ao longo do verán desenvolveranse actividades de dinamización das Portas do Xurés, en concreto na Porta de Calvos de Randín, centro de interpretación do Couto Mixto, situado na reitoral de Santiago de Rubiás, realizaranse obradoiros de sensibilización, para que tódolos habitantes e visitantes da RBTGX coñezan os seus recursos naturais e culturais.