O Concello adaptará o plan de mobilidade e vólcase nun proxecto para mellorar as ribeiras do Miño.

Catro anos para transformar a cidade

O novo goberno do Concello de Ourense, co seu alcalde Gonzalo Pérez Jácome á cabeza, busca transformar a cidade -no que a mobilidade se refire- nos catro anos deste novo mandato. O Plan de Mobilidade xunto á mellora das ribeiras do Miño son dous proxectos nos que buscan avances.

Mobilidade
“Temos por diante catro anos determinantes para abordar definitivamente o modelo de cidade”, así o afirmaba o concelleiro Miguel Caride, quen xa adianta que o vindeiro paso será a convocatoria da comisión de seguimento do Móvete X Ourense, “xa que se trata dun proceso participativo aberto á cidadanía”, dixo.
Estas declaracións tiveron lugar despois da reunión mantida entre o propio concelleiro, Miguel Caride, e o alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, coas redactoras do proxecto ‘Móvete X Ourense’ Paula Feijóo e Emma Noriega.
Desta xuntanza saíu o compromiso de adaptar o Plan de Mobilidade Urbana e Sostible, que data de 2012, ao Móvete X Ourense co obxectivo de “pórse xa a traballar”, en palabras do concelleiro de Infraestruturas.
Paula Feijóo, arquitecta da consultora Urba+ e parte do equipo redactor do proxecto, asegura que “se levamos adiante todas as accións contempladas no proxecto poderemos facer que a cidade de Ourense se transforme e sexa máis sostible”, afirma. Só así se poderá lograr unha inclusión harmónica de todos os elementos -peóns, persoas con problemas de mobilidade reducida e/ou visual, ciclistas, coches, etc.- e “o modelo de cidade que todos os ourensáns merecemos”, di

Móvete X Ourense
Móvete X Ourense naceu en abril de 2017 como un proceso de participación plural “para a mellora da calidade ambiental e a mobilidade”, e que perseguía “a pacificación do tráfico e a integración da bici no centro urbano de Ourense”. Logo de pulsar o diagnóstico de máis de 10.000 ourensáns, ben individualmente, ben a través de colectivos, Móvete X Ourense xa é un plan para lograr un modelo de cidade na que teña menos protagonismo o coche e máis as persoas.

Río Miño
O alcalde mantivo unha segunda reunión co Colexio de Arquitectos de Ourense na que se ultima o gran proxecto que ansía o Goberno municipal, que non é outro que o da reforma de todo o paseo peonil da ribeira do Miño. “Vivimos de costas ao río e cada vez queremos achegarnos máis a el”, afirmaba o rexedor ourensán. “Cremos que estamos ante un paso definitivo” aseguraba ao desvelar que van sacar un concurso de ideas para arquitectos e enxeñeiros para que esté plasmado antes de Nadal e acometer a obra neste mandato.
Pola súa banda, o presidente do Colexio de Arquitectos, Rafael Castro, dicía que se puñan a “traballar cos técnicos do Concello de Ourense” na elaboración dun concurso de ideas para “toda a reforma do Paseo das Ninfas”. Castro agarda que “se presenten o maior número de traballos coa maior calidade posible”.