Un ano máis as rúas de Ourense encheranse de deporte, saúde e concienciación viaria coa celebración do “Día da Bici”, un evento que chega á súa 35ª edición “desde que en 1984 botara a andar esta manifestación festiva e reivindicativa de concienciación social sobre o uso da bicicleta e o respecto ao ciclista”, expresou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, no acto de presentación, celebrado no Pazo Provincial.
Carlos Moure salientou que o Día da Bici “sempre é unha festa para os nenos e as súas familias, xa que sen eles e sen o apoio das administracións e patrocinadores non sería posible, pero tamén é un día para seguir facendo un chamamento á concienciación polo respecto ao ciclista, un debate que debe estar presente nos medios de comunicación e en toda a sociedade”, destacou, engadindo que hai que facer máis pola prevención, a sensibilización e a atención ás vítimas de accidentes viarios”.
O Día da Bici celebrarase o domingo 22 de setembro, con saída ás 12 horas da Alameda e o habitual percorrido polas rúas da capital ourensá: Marcelo Macías, avenida de Portugal, Ervedelo, Progreso, Pardo de Cela, Ponte do Milenio, Xesús Pousa, Gómez Franqueira, Río Arnoia, avenida de Santiago, avenida das Caldas, Vicente Risco, Ponte Nova, Curros Enríquez, Sáenz Díez, Don Bosco e Progreso, para rematar novamente na Alameda. As inscricións poden realizarse na carpa situada na rúa do Paseo ou en Ciclos Moure, e, como cada ano, haberá entre os inscritos sorteos de material deportivo e de xamóns de bodega de Coren.