Seleccionaranse 10 equipos, 7 de categoría xeral e 3 de escolas.

Volve Fas Muvis ao OUFF

Tralo éxito da convocatoria do pasado ano, “Fas Muvis. Límite 48 horas” volve á 24ª edición do Ourense Film Festival (OUFF). Trátase dun concurso destinado a crear unha peza audiovisual nun tempo limitado cun equipo formado por cinco membros. Este ano como novidade ven de crearse a categoría de Fas Muvis Escolas, destinada a mozos de entre 16 e 22 anos que cursen estudos de FP ou de Bacharelato.

Cada un dos equipos (seleccionaranse 10 equipos, 7 de categoría xeral e 3 de escolas de todas as propostas enviadas) dispón dun orzamento de 500 euros co que deben xestionar toda a produción, que debe ser rodada e estar relacionada coa cidade de Ourense.
Os equipos seleccionados terán 48 horas para realizar a rodaxe, que comezará o venres 27 de setembro e finalizará o domingo 29, e que converterá as rúas de Ourense nun plató de cine.

Premio
As pezas resultantes optarán a un un premio de 600 euros para o primeiro clasificado e de 200 euros para o segundo na categoría xeral e un premio único de 400 no apartado de Fas Muvis Escolas. Ademais, as obras gañadoras proxectaranse durante a gala de clausura do festival.