Ourense acollerá este sábado, 21 de setembro, desde as 22 horas, o I Trail Ourense Cidade Termal. Unha carreira competitiva que combinará costas, desniveis e escaleiras, cun percorrido polos montes próximos á cidade e con pasada polo Botánico de Montealegre.
A proba conta cuns 200 deportistas inscritos, que reivindicarán ademais os desprazamentos a pé na Semana da Mobilidade.
A carreira terá un percorrido de 13 quilómetros que combinan trazado urbano con trazado de monte/trail, con saída nos aledaños do pavillón dos Remedios e meta na Ponte Vella.
A ruta ofrecerá a oportunidade de pasar por lugares como o Botánico, Montealegre, Mende, A Loña, As Burgas, a Catedral, o Auditorio ou a Ponte Vella de noite. Ademais, ao pasar polo Botánico de Montealegre permitirá aos participantes gozar dunha das mellores vistas nocturnas da cidade.
A proba está organizada pola Asociación deportiva Club Box 001, un grupo de amantes do deporte e da natureza, que practicamente todos os domingos do ano fan saídas coa súa escola de trail Run Maniak para correr polas fantásticas contornas e paisaxes da nosa cidade e os montes que a rodean.