Celébrase do 20 ao 22 de setembro.

A “Romaría da Saínza” encherá Rairiz de Veiga de mouros e cristiáns

A “Romaría da Saínza” 2019 trae de novo a escena o tradicional combate de mouros e cristiáns ao municipio de Rairiz de Veiga, ademais dun completo programa de actividades que inclúe teatro, xogos populares, música, maxia e humor.

Os veciños do municipio e da comarca, ataviados cos traxes daquela época, representan o combate entre mouros e cristiáns ininterrompidamente desde o ano 1840 e que é un evento declarado Festa de Interese Turístico» pola Xunta de Galicia, no ano 2000.

Programación
O programa de actividades comezará o venres, 20 de setembro, ás 13.00 horas co anuncio da festa cunha descarga de bombas de palenque. Pola tarde, a partir das 17.00 horas será a quenda para os xogos populares no Campo da Festa, seguidos ás 18.00 horas da representación do combate de mouros e cristiáns con monicreques. Ás 18.30 horas, celebrarse a obra de teatro “O Atraco” na Casa do Peto protagonizada por mulleres do municipio, e ás 20.00 horas sairán a escena os máis cativos do concello para representar a obra “O Desván”, no mesmo sitio. Tralo teatro chegará, ás 21.00 horas, o humor e a maxia co espectáculo “Todo 100” de Internacional Tanito Clown & Mágico Brais. A música será a encargada de pechar esta primeira xornada festiva coa discoteca móbil Music Scaffold e a orquestra Grupo Nebraska.

O sábado, 21 de setembro, comezará a programación ás 12.30 horas coa celebración da IV Quedada de músicos tradicionais da Romaría da Saínza 2019 no Campo da Festa. Pola tarde, ás 18.00 horas terá lugar a procesión ca Nosa Señora da Mercé desde a Capela da Saínza ata a Igrexa de San Xoán de Rairiz de Veiga. Posteriormente, ás 19.00 horas, celebrarase a VIII edición de “O meu primeiro combate de mouros e cristiáns” no Campo do Castelo. Chegará a música á festa a partir das 22.00 horas coa actuación da orquestra Triunfo e, a partir das 23.45 horas, será o asalto ao Castelo por parte dos mouros. Os fogos de artificio e a música a cargo da orquestra Triunfo e da discoteca móbil Gramola pecharán a xornada.

O domingo, 22 de setembro, comezará a festa ás 11.00 horas coa descarga de bombas de palenque e, ás 12.00 horas, será a procesión desde a Igrexa de Rairiz de Veiga ao Castelo da Saínza acompañada polo Grupo de Gaitas do Concello de Rairiz de Veiga. Trala misa solemne no campo da batalla chegará, ás 13.00 horas, o tradicional combate de mouros e cristiáns no campo do Castelo e, posteriormente actuará a Charanga XL no campo da festa, pechando a Romaría as orquestras Assia e La Oca.