Nove procesións da Santa Compaña, cun total de 12 grupos participantes, percorrerán este xoves, 31 de outubro, desde as 23.30 horas diferentes rutas pola cidade para celebrar o Samaín 2019. Os percorridos sairán desde a rúa do Paseo, rúa de Santo Domingo, praza de San Cósmede, praza das Mercedes, Padre Feijóo, praza de Saco e Arce, praza do Correxedor e o barrio da Carballeira, para avanzar cara á Praza Maior, onde se unirán todas as agrupacións participantes. Alí terá lugar á unha da madrugada a actuación do grupo vasco Deabru Beltzak que representará o espectáculo de música, pirotecnia e efectos visuais “Os tambores de fogo”. Será o colofón a esta nova proposta do Concello de Ourense. Tamén participará nas actividades a Escola Municipal de Teatro.
Para a cativada, a programación deste ano dálles continuidade a actividades que durante os últimos anos veñen acadando unha grande participación. Nenos e nenas poderán participar desde as 17 h en media ducia de actividades nas prazas do centro histórico:
– Taller de baleirado de cabazas, na praza Saco e Arce
– Microteatro na praza da Imprenta, cun pequena representación teatral interactiva na que se lles dará a coñecer a orixe do Samaín (3 pases de 15 min).
– Obradoiro Os bosques dos petrogriflos, na praza da Imprenta. Unha zona acoutada onde de maneira libre poderán participar en xogos de puntería, lóxica e de construcións, usando como materiais elementos da natureza propios da festividade do Samaín (landras, troncos, pedras, cabazas, madeira).
– Obradoiro: Os artesáns do castro, na praza da Imprenta. Un esppzo onde nenos e nenas deseñarán os seus amuletos para pasar unha boa noite de Samaín
– Obradoiro de maquillaxe e feridas, na praza Manuel Sueiro.
– Obradoiro de elaboración de chapas, na praza Manuel Sueiro
Ás 19 h será o Desfile de Cabazas, que sairá desde a praza da Imprenta e avanzará polas rúas de Colón, Bispo Carrascosa e Praza Maior, para rematar con baile e festa nesta praza Uxía Lambona e a Banda Molona!!!