Sobre todo para os máis cativos, pero non se esquece dos nosos maiores.

Verín enche de actividades os días de Nadal

Xa case metidos de cheo nas datas fortes do Nadal o concello de Verín ten programado unha chea de actividades para que ninguén se aburra estés días na vila do Támega. Desde este sábado 21 ata ó 6 de xaneiro grandes e pequenos poderán disfrutar da pista de xeo natural sita na praza García Barbón, de 11 a 14, e de 16 a 22 h. O prezo dá entrada é de 5€. Comprando nos establecementos asociados a CCU AEVER e AEHCOM conseguirás un tícket desconto de 2€.

Tan clásica como a pista de xeo e o Ludonadal, tamén do 21 ao 7 de xaneiro, no Pavillón Municipal de Deportes de luns a venres, de 09 a 14 e de 16 a 20 h. Os sábados de 9 a 14 h. Para os máis maiores o concello organiza este sábado 21 de decembro ás 16 h. un concerto baile de Nadal na Residencia de Anciáns Hogar Santa María, con temas populares do repertorio internacional e do Nadal para que os nosos maiores gocen escoitando ou bailando a música que interpretará a Banda do Conservatorio Elemental de Música de Verín. O día seguinte, o 22, tamén na Residencia de Anciáns Hogar Santa María, Cantos Sacros e Panxoliñas ás 10 h. onde as persoas residentes e ás familias participarán no oficio dominical.

O sábado 28 de decembro ás 18.30 h no Auditorio de Verín a Banda de Gaitas Nova Era ofrecerá o seu xa tradicional concerto de Nadal no que presentará o seu primeiro traballo discográfico, “Rumbo NE”.

Infantil
Os máis cativos poderán disfrutar da máxia do teatro coa obra o «Proxecto Noeé» o domingo 29 de decembro ás 18 h no Auditorio. Neve, tres pingüíns, o desxeo e dous boletos para a A.R.C.A. (Aparello Rescatador de Animais) de NOEÉ (Novos Observadores Especialistas da Evacuación) son os elementos desta historia narrada cunha linguaxe sinxela e contundente. Os pingüíns reflexionan sobre o valor da amizade: como facer para salvarse os tres cando só teñen dúas pasaxes?.
O luns 30 adicarase ao corenta aniversario da defunción de Enrique Gómez Pato, creador polifacético radicado en Verín que desenvolveu, principalmente nos anos cincuenta e sesenta do pasado século, unha importante obra como dramaturgo, xornalista, poeta e humorista, Plácido Romero Bernardo presenta este documental na súa homenaxe. Será ás 19.30 h. na Casa da Cultura.

Gala Familiar
AEVER organiza o 3 de xaneiro a Gala Familiar «Estrelas Máxicas» ás 18.30 h. no Pavillón dos Deportes co tradicional sorteo e premio de escaparatismo (20 horas).
De cara ao últimos días o sábado 4 xaneiro concerto de María do Ceo ás 20 h. no Auditorio municipal. A día de hoxe, dicir María do Ceo é o mesmo que dicir fado. Considerada a sucesora de Amália Rodrigues por non poucos críticos, a súa é, con todo, unha traxectoria única na que se funde a melancolía do portugués coa dozura do galego.

Os seus excepcionais dotes vocais e a súa innata musicalidad fan dos concertos de María do Ceo experiencias fascinantes que mergullan á audiencia na paixón e a tenrura do fado tradicional, pero tamén na personalidade dunha artista singular.
E o día 5 de xaneiro, antes de comezar a repartir os agasallos, as súas maxestades de Oriente percorrerán as rúas de Verín, comezando ás 17.30 h no asilo e terminando no Pavillón de Deportes. Poderanse recoller os traxes de pastor/a, anxo ou estrela na Ludoteca de Nadal para formar parte da cabalgata acompañando as súas altezas.