A alcaldesa, Elvira Lama, cualificou de “austera” a programación de Nadal en Xinzo de Limia. Lama escudouse na falta de orzamentos e adiantou que agarda que os do ano “cuns orzamentos elaborados por este equipo de goberno” sexan os adecuados “para unha vila como a nosa”.
A rexidora quixo agradecer a colaboración, en especial ao comercio (enchendo de colorido e luz os seus escaparates e os abetos das rúas), de todas as entidades e asociacións así como escolas do Concello na colaboración prestada para levar a cabo este programa.
Agárdase unhas datas festivas moi chuviosas polo que a recepción dos Reis Magos (domingo día 5) será directamente no pavillón municipal onde, ademais, estará instalado, un ano máis, Limialandia.
Programación
A pesar de todo son varias as actividades que o Concello organiza. Este mesmo mércores o grupo teatral de Xinzo Aneis representa dúas obras a partir das 20.30 horas na Casa da Cultura (Os monicreques e O soño); Aneis tamén representará ao 3 de xaneiro (venres) a obra Curso de cociña. O xoves 19 ás 20:30h, a Escola de Gaitas e Percusión de Xinzo presenta o seu festival de Nadal 2019. O venres 20 será o alumnado do Conservatorio Profesional de Música o que ofreza ao público o seu tradicional Concerto de Nadal. Para o sábado 21 os compoñentes da Escola de Música ESMULI ofrecera un concerto na Igrexa Nova a partir dás 20 horas. Ese mesmo día e a mesma hora na Casa da Cultura será escola DANZÓN a que realice a súa Gala de Nadal 2019.
Ademais, o CDR O Viso organiza “Concilia no Nadal”, polas mañás na casa da cultura. Tamén polas mañás, a biblioteca estará aberta os días 23, 26, 27, 30 de decembro e 1, 3 e 4 de xaneiro. O grupo aneis organiza polos pobos do concello actividades de contacontos, monólogos e farán de paxes reais para recoller as cartas dos máis pequenos lle escriben aos Reis Magos.
Para rematar presentaranse dous libros. Un de relatos de Delfín Caseiro e Jose A. Jardón, A luz da choiva (o xoves 26) e ao día seguinte (venres 27) o libro de Miro Cerredelo sobre o centenario do Antela. As dúas presentacións serán ás 20 horas na Casa da Cultura.