Xinzo, inmerso no seu Entroido.

Entroido de Xinzo

Sen tempo para dixerir os polvoróns do Nadal, Xinzo de Limia xa conta os días para que chegue o seu entroido. Algúns terán que baixar eses quilos collidos e poñerse en forma para vestir o traxe de “Pantalla” e desfilar polas rúas limiás.
Este ano, o Entroido 2020, como cada ano, contará con cinco fins semanas de celebración que dará comezo o 1 de febreiro coa celebración do Sábado de Petardazo e ao día seguinte, 2 de febreiro, terá lugar o Domingo Fareleiro onde haberá que protexerse bén, xa que todos rematarán brancos como a fariña que se botarán uns aos outros.
A fin de semana seguinte chega o sábado 8, o “Colgamento do Meco”, e o día 9 celebrarase o Domingo Oleiro, onde as olas volarán polos aires ata que se esnaquicen todas. Sete días despois Xinzo acolle o Sábado de Comadres, o día 15 será a antesala da aparación por primeira vez no Entroido das “Pantallas”; será o domingo 16 co Domingo Corredoiro.
Os días grandes chegarán a partir do 23 de febreiro, data na que ten lugar o Domingo de Entroido, varios días seguidos de troula que terán como día álxido -se é que os outros días non son álxidos de por si- o Martes de Entroido (25 de febreiro).

Novidade
A novidade máis salientable desta edición é que o desfile terá lugar o Domingo de Piñata, que terá lugar o día 1 de marzo. O ano pasado por mor das inclemencias climatolóxicas a organización viuse na obriga de atrasalo ata ese día; debido ao éxito acadado este ano repiten data dun desfile que dará por rematado o Entroido 2020 de Xinzo.

A alcaldesa de Xinzo, Elvira Lama, quixo facer mención, na presentación, ademais, ao recoñecemento acadado por esta celebración como festa de “interese turístico internacional”. Falou tamén da grande implicación por parte do equipo de goberno, o concello de cultura e demais por facer deste entroido “un entorno singular, seguro e libre das violencias machistas” como principal intención dos responsables da organización.

Dende o goberno estase elaborando un plan de autoprotección de cara a que sexa unha festa o máis segura posible posto que, en palabras da alcaldesa, “debemos velar para que exista unha certa orde, para continuar facendo un dos mellores entroidos da península”.

O concelleiro de cultura amosou o cartel co que se fará promoción desta festividade, novidoso con respecto ao tradicional, da deseñadora Iria Prol. Suárez fixo público ademais o orzamento manexado, que ronda os 150.000 euros, e fixo un chamamento á participación dos comercios locais para poder “sufragar unha festa que inflúe positivamente na economía do pobo”.

En canto as novidades, o desfile terá lugar na mañá do domingo de piñata, debido ao éxito do ano anterior. Recoñeceuse tamén a recuperación de grandes tradicións e momentos e fíxose mención dos grupos e charangas máis destacables. No aspecto infantil, por outra banda, contratarase unha empresa que realizará concursos e demais entretemento destinado aos máis pequenos, a maiores do xa coñecido desfile dos colexios tanto de Xinzo como arredores.

Durante todos os días de Entroido, cabe destacar que non haberá practicamente nin unha hora sen música. “Dende as 12 da mañá ata ben entrada a madrugada desfrutaremos de grupos tradicionais, charangas, orquestas e demais”, asegurou o máximo responsable da organización. Ademais, como gran novidade, intentarase preparar o primeiro baile “de mascaritas” da vila dende hai corenta anos.