Esta primeira edición celebrarase do 12 ao 14 de marzo e combinará encontros profesionais con actividades abertas. ao público.

Verín acolle MUMI, a primeira feira profesional de música entre Galicia e Portugal

O MUMI é o primeiro mercado profesional de música e cultura que se organiza entre os territorios de Galicia e Portugal e está promovido desde unha asociación integrada por empresas, profesionais e colectivos do sector musical galego e portugués; e apoiado polo programa da Xunta ‘O teu Xacobeo’ co obxectivo de crear unha ponte de ida e volta real e estable para as músicas de ámbolos dous países.

O encontro, que se desenvolverá en Verín os días 12, 13 e 14 de marzo, reunirá a artistas e bandas, promotoras, empresas de management, festivais, discográficas, empresas de servizos e produción, etc. para compartir ideas, crear sinerxias sólidas, establecer novas redes de contacto e coñecer novas propostas en primeira persoa.

Entre os obxectivos do encontro tamén está fixar unha axenda anual de traballo conxunto a nivel sectorial, empresarial e institucional para converterse no espazo de referencia da actualidade musical de Galicia e Portugal.

Áreas de programación
A feira contará cunha programación profesional que incluirá actividades de formación (técnica, xurídica, marketing), speedmeetings (encontros rápidos) entre profesionais do sector, showcases cunha selección de artistas e bandas de Galicia e Portugal, e unha feira sectorial con presenza das empresas das diferentes áreas do sector. O Camiño e o feito do Xacobeo 2021 serán tratados especificamente neste apartado como grandes xeradores de oportunidades para o sector aproveitando o seu patrimonio cultural e os espazos naturais que ofrece. Tamén haberá concertos abertos ao público xeral cunha selección de propostas musicais de diversos estilos e formatos, nunha programación que mesturará os novos valores e as figuras xa consagradas en espectáculos multidisciplinares para público familiar e adulto.

Inscricións abertas
Roxo anunciou que xa está aberto o prazo de presentación de propostas artísticas para participar no encontro. As inscricións poden facerse a través da web mumimusicas.eu ata o 11 de febreiro, e poden presentarse todas as bandas ou artistas de Galiza e Portugal que teñan un proxecto musical de carácter profesional, independentemente do tipo de formación ou estilo. As bases completas poden consultarse na web do encontro. A programación de showcases que resulte desta selección será comunicada o 24 de febreiro.