A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia ascende a 1.510, deles 331 son da área da Coruña, 99 da de Lugo, 277 da de Ourense, 93 da de Pontevedra, 401 da área de Vigo, 244 da de Santiago, e 65 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 19 permanecen en UCI, 102 están en unidades de hospitalización e 1.389 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 8.820 persoas curadas, rexistrándose 604 falecementos.
Trala revisión clínica dos casos, hai que engadir dous falecementos. Son un home de 70 anos e outro de 78 que estiveran ingresados no CHUS.
O número de PCR realizadas é de 124.108
A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.
NÚMERO DE CASOS 1.510
FALECEMENTOS 604
O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia supoñen o 0,6% do total das persoas residentes. Na xornada de onte non se rexistraron falecementos en centros residenciais. Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.
Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía unha páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas asa dúbidas dos cidadáns ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.
Recomendacións
Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven a reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara internado cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.