O Concello de Ourense cancela todas as actividades culturais e eventos deportivos dirixidos a un público masivo até a festividade de San Martiño, do próximo mes de de novembro. Así o anunciou o alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, dada a situación orixinada pola pandemia do COVID19, que fai inviable a posibilidade de organizar actividades que reúnan un público masivo.
Así, malia que o Concello de Ourense, desde a Concellería de Cultura, avanzara na planificación de alternativas -Festas de Ourense cun formato diferente, dinamización dos barrios con espectáculos de rúa, non masivos, durante o verán ou aínda a potenciación da celebración das festas do barrio da Ponte, en torno ao 25 de xullo-, a realidade fai que non sexa posible levalas a cabo nas condicións de seguridade e saúde precisas.
O alcalde avanza que nestes momentos, as esperanzas do Concello céntranse no mes de novembro, cando se celebra a festividade de San Martiño, patrón da cidade, o día 11 de novembro. O goberno municipal confía en que esta si se poida levar a cabo e, seguindo o modelo estreado no pasado ano 2019, estender a celebración desta data durante 4 días para potenciar esta festa como referente e dinamizador lúdico e cultural da cidade.
O Concello de Ourense traballa en calquera caso en reactivar e potenciar a actividade cultural de Ourense tan pronto como as circunstancias en materia de saúde pública o permitan, volvendo a programar aqueles eventos e espectáculos que sexa posible e considerando aquelas iniciativas que podan levarse a cabo a partir da recuperación da actividade.