Logo da modificación do calendario fiscal para o imposto de bens inmobles e para o imposto de circulación, a Concellería de Facenda segue traballando coa fin de axudar aquelas persoas afectadas pola declaración do estado de alarma, ben directamente, ben indirectamente.
Así, o departamento de Ana F. Morenza tomou a decisión de aplicar unha tarifa reducida pola recollida de lixo para os inmobles nos que se desenvolvan actividades non esenciais. A tarifa será de 10,57€ ao mes, cunha considerable rebaixa fronte ao importe que se pagaba. Aplicarase con carácter retroactivo desde o día 14 de marzo, momento en que se decretou o estado de alarma, ata que a actividade poida volver exercerse.
En segundo lugar, a taxa para os veladores calcularase tendo en conta o período en que a vía pública non se ocupou de maneira efectiva como consecuencia da declaración do estado de alarma, deducindo do importe total que corresponda abonar a parte proporcional que corresponda desde o 14 de marzo ata que poidan ocupar a vía pública de novo.
Para iso, o Concello procederá a unha modificación do calendario fiscal con respecto a esta taxa, trasladando o ingreso voluntario ao período comprendido entre o 1 de outubro e o 7 de decembro, e para aqueles que teñan domiciliado o recibo o cargo realizarase o 7 de decembro.
Por último, na taxa pola ocupación de terreos de uso público con mercadorías, materiais de construción, entullos, vallas, estadas e outras instalacións análogas, deducirase a parte proporcional da taxa que corresponda aos períodos no que as obras non puideron ser realizadas.