Aínda que a auga é un ben imprescindible, nesta época de crise sanitaria que estamos a afrontar como consecuencia da pandemia da COVID-19 damos conta da súa importancia para a nosa vida e para o noso benestar.
Durante todo este tempo, pese a extrema preocupación pola saúde e o risco de contaxios, os galegos puideron seguir consumindo a auga corrente en cantidade e con absoluta tranquilidade sobre a súa calidade grazas ao traballo dos profesionais da auga.
Cabe recordar que os rigurosos tratamentos e a controis sanitarios aos que son sometidas fan que a auga da billa sexa segura e garanta as súas boas condicións. Mentres todos ficabamos na casa, os profesionais especializados e as infraestruturas continuaron a traballar para coidar da calidade das nosas augas. Tamén continuaron activos os procedementos destinados a coidar as rías e os ríos aos que se verten as augas domésticas e industriais de Galicia, preservando dese xeito o medio ambiente, o turismo, a pesca, o marisqueo e a acuicultura.
As empresas da auga dotáronse dos protocolos e medidas necesarias para poder seguir desenvolvendo o seu traballo de asegurar o abastecemento de auga á poboación e, ao tempo, velar polo bo estado das rías e dos ríos, pese á situación de emerxencia sanitaria. Os profesionais da auga dotáronse de plans de continxencia, con gardas de persoal técnico especializado e remanente de reactivos suficiente para garantir o correcto funcionamento das estacións de tratamento de auga.
Por parte da Xunta de Galicia, e co obxectivo de blindar os servizos de abastecemento e saneamento durante esta emerxencia sanitaria, reforzouse a coordinación coas principais empresas públicas e privadas operadoras do sector na nosa comunidade. Deste xeito, a través dos técnicos de Augas de Galicia e das empresas colaboradoras, non só está a intensificar as accións para subministrar auga en cantidade, senón que tamén vela pola súa calidade, co control e tratamento oportunos.
En canto aos profesionais, estes traballan arreo adoptando medidas de protección sanitaria, para que non falte a auga nos fogares dos galegos e naquelas actividades económicas que a precisan. A frecuente toma de mostras e a realización de analíticas permite coñecer a evolución do estado das masas de auga coa fin de mellorar a súa calidade e avanzar tamén no saneamento integral das nosas rías.
Responsabilidade
Tamén os cidadáns debemos actuar con responsabilidade, protexendo a nosa saúde e a dos que nos rodean. Debemos lavar as mans con maior frecuencia, pero cómpre facelo evitando gastar máis auga da que precisamos. Como ben limitado a auga precisa dun uso racional para blindar este recurso mantendo hábitos responsables. Accións diarias, moi sinxelas, van encamiñadas neste senso: ducharse en lugar de bañarse, non deixar a billa aberta ao cepillar os dentes ou fregar a louza, instalar dispositivos de aforro ou reutilizar a auga son exemplos de hábitos doados para conservar este recurso imprescindible. Estamos na obriga de entender a auga como un préstamo da natureza que debemos devolverlle en boas condicións.
Apoio ás infraestruturas
As infraestruturas hidráulicas como as estacións depuradoras e potabilizadoras son piares cruciais para garantir a idónea prestación dos servizos de saneamento e abastecemento. Por iso, o Goberno galego continúa achegando o seu apoio técnico e financiero aos concellos para dotalos das instalacións necesarias para proporcionarlles aos cidadáns os servizos relacionados coa auga dun xeito eficiente.
Porén, non só se trata de construir infraestruturas senón tamén de mantelas e conservalas para asegurar o seu funcionamento eficaz. Destas tarefas encárganse profesionais especializados, xa sexan dependentes das Administracións ou das correspondentes concesionarias.
Pero os cidadáns tamén podemos aportar o noso gran de area para facilitar o procedemento óptimo destas infraestruturas hidráulicas. Debemos evitar verter polo desaugadoiro substancias contaminantes ou produtos de hixiene como os ‘bastonciños para os oídos’ e as ‘toalliñas’ ou incluso as mascarillas, de uso obrigatorio nestes tempos. Estes residuos, cando chegan a instalacións como as depuradoras, dificultan o seu funcionamento. Unha acción eficaz é tiralos ao lixo coa pertinente separación de residuos.
Ante isto, só cabe a sensatez. Depositemos estes elementos no lixo, coa axeitada separación de residuos, e non os guindemos polo inodoro.
A auga, como a saúde, é responsabilidade de todas e de todos.
Coidémola.