No regreso ás estradas é imprescindible respectar as normas de seguridade viaria.

Chega o ansiado desconfinamento e con el a volta ás estradas para moitos galegos. Esa é a cara dunha realidade que ten no seu anverso a reactivación tamén dos accidentes de tráfico. Se importante na rúa é adoptar as medidas de prevención fronte ao coronavirus, co mantemento da distancia social ou o uso de máscaras, non menos importante é respectar as normas de seguridade viaria para protexer a nosa vida e a dos demais. A volta á normalidade no uso do vehículo supón, ademais, a reactivación tamén dos accidentes de tráfico. Porén, o que está claro é que a maioría poden evitarse se todos poñemos empeño en facelo.

Normas
Despois de tanto tempo na casa non está de máis recordar normas básicas que todos debemos coñecer. Nin que dicir ten que deben respectarse os límites de velocidade, que se debe levar posto o cinto de seguridade e, por suposto, cumprir as demais normas de circulación.
Segundo estudos anuais, unha alta porcentaxe de accidentes de circulación teñen lugar por mor de descoidos relacionados co uso do teléfono móbil ou da radio.
Por iso, de nós depente evitar este tipo de distraccións que afastan a nosa vista da estrada, diminúen a nosa atención e tamén a capacidade de reacción, aumentando a posibilidade de sufrir un accidente. Polo tanto, todos temos na nosa man previr estas situacións e debemos recordar que as rúas e as estradas son de todos.

Máis que vehículos
Hai que ter sempre presente que nas estradas, ademais de vehículos e os condutores tamén hai outra serie de elementos, coma son os ciclistas e os peóns. A perfecta convivencia entre todos eles é vital para evitar calquera tipo de sustos ou mesmo desgrazas. É moi importante recordar sempre a distancia de separación ao adiantar a un ciclista: un metro e medio. Todas elas son regras básicas que todos coñecemos e ó respectalas estase a contribuir á redución do risco de sinistros. Porque por moi importantes que sexan os esforzos económicos e técnicos das Administracións públicas para construír infraestruturas viarias e mantelas en axeitadas condicións, non serán abondo se non existe concienciación social.
Depois destos meses confinados nas casas e coa época estival á volta da esquina, a recuperación da normalidade fará que moitos cidadáns incrementen os seus hábitos saudables de camiñar, correr ou practicar ciclismo. Por todo isto, cómpre sumar as sinerxías de todos os que empregamos as estradas, polo noso ben e polo dos demais, xa que non hai nada máis importante que blindar a vida das persoas.

Medidas de protección
Para realizar estas actividades deportivas, debemos tomar as medidas de protección sanitaria precisas para evitar contaxios. Pero a estes preceptos debemos sumarlle pautas de seguridade viaria, que normalmente son pequenas accións que non supoñen moito esforzo e, porén, poden axudar a salvar vidas.
Cabe recordar que cando se saia a correr ou andar en bicicleta hai que asegurarse de facelo nun marco de seguridade, desprazándote polo espazo axeitado.
Moitas estradas autonómicas dispoñen de sendas peonís e ciclistas que executou a Xunta co obxectivo de facilitar a mobilidade dos cidadáns en condicións máis cómodas e seguras.
Tamén é fundamental ‘facerse ver’, tanto se vas camiñando como en bicicleta, especialmente nas horas do día que contan con menos luz. Se aumentamos a nosa visibilidade ante os coches, estamos minimizando a posibilidade dun sinistro e protexéndonos como usuarios vulnerables das vías.

Prendas refrectoras
A importancia de incrementar a percepción da presenza de peóns ou ciclistas nas proximidades das estradas por parte dos condutores fixo que desde a Xunta de Galicia reforzara nos últimos anos a distribución de chalecos e cortaventos reflectores entre as asociacións veciñais ou os clubes ciclistas para fomentar a cultura da seguridade viaria, dun modo especial entre aqueles colectivos que máis percorren as contornas das estradas. Cabe recordar que estas prendas son moi eficaces de cara a evitar accidentes.
A concienciación cidadá resulta chave para reducir progresivamente as cifras de sinistralidade viaria. Neste sentido, a seguridade é cousa de todos, das Administracións públicas e dos cidadáns, dende os máis cativos aos maiores.

Educación
As campañas de divulgación nos colexios galegos seguen a dar froitos e cada vez os cativos son máis conscientes da relevancia dun comportamento responsable nas vías.
Camiñar pola marxe esquerda, empregar itinerarios deseñados para ese fin ou cruzar con cautela nos pasos de peóns son hábitos que os nenos aprenden nas aulas e despois lle recordan frecuentemente aos seus maiores nas casas.
Son xestos mínimos que se todos incorporamos ao noso día a día multiplicarán a nosa protección e seguridade nas vías.
Cando fagamos uso das estradas, como condutores, peóns ou ciclistas, sexamos responsables, cada un na parte que lle corresponde. Porque estaremos coidando de nós mesmos e ao mesmo tempo dos demais.