Entrevista a Diana Nóvoa e Emilio Álvarez, enfermeiros do CHUO.

Segundo os datos do Sergas, 11.440 persoas foron diagnosticas en Galicia de COVID-19 dende o inicio da emerxencia sanitaria. A día de hoxe, 10.356 delas xa están recuperadas, 465 son os casos activos e 619 perderon a vida por esta enfermidade. Dos activos, 31 corresponden á área sanitaria de Ourense. Galicia conta con 11 persoas hospitalizadas e ningunha en UCI. A nosa comunidade rexistrou 1 contaxio nas últimas 24 horas (12 na última semana). Agora que coñecen as cifras, comezamos a falar de nomes. E dámoslle dous: Diana e Emilio, claro exemplo dos profesionais sanitarios españois que axudaron a dobregar a famosa curva.
Diana Nóvoa Araújo é unha enfermeira ourensá que viu como a planta de hospitalización de mediciña interna do CHUO na que traballaba habitualmente tivo que converterse, de súpeto, en planta COVID para facer fronte á pandemia que estamos a vivir. Emilio Álvarez Pita, tamén enfermeiro, foi un dos seus compañeiros nesta loita, quen ao tempo que o quirófano no que traballaba paralizaba a súa actividade cotiá pasou a formar parte dos profesionais de reforzo na batalla contra o virus SARS-CoV-2 na área sanitaria de Ourense. As súas serían dúas historias tan destacables como as de todos os seus compañeiros, pero xuntos escriben unha moi particular. Diana e Emilio están casados e levaron durante estes meses os seus medos e fazañas por partida dobre a casa, onde os agardaba Vera, a súa filla de 4 anos.
Máis dunha década de experiencia profesional ás súas costas non os prepararon para a situación tan tráxica que ían vivir desde que todo se precipitou na segunda semana de marzo.
Con sinceridade, confesan que en xaneiro e febreiro apenas lles inquedaba o coronavirus que estaba afectando a China. Emilio cría que sería «coma outros virus que houbera en 2015 e en 2009, que apenas chegaran acá». Diana pensaba igual e lembra que China «xa superara máis epidemias sen transcender máis aló», polo que cría que «estaba alí e alí se quedaba», sentenza; ademais, o que se cría naquel momento é que «era coma unha gripe». Un pensamento que compartían moitos dos seus compañeiros e tamén a sociedade en xeral.
Pero cando a COVID-19 chegou a Italia comezou a prestárselle máis atención e, sobre todo, cando milleiros de afeccionados do Valencia acudiron a Bérgamo para ver aos chés diante do Atalanta foi cando eles comezaron a temerse o peor. «Se se está a propagar tan rápido e os afeccionados volven, algo pode pasar aquí», pensaba Emilio. Aínda así, aseguran que tampouco agardaban o que nos veu enriba.

Todo se precipita
Na semana na que se decreta o estado de alarma -o 14 de marzo- é cando todo se acelera a resposta contra este novo virus respiratorio e hai un antes e un despois no protocolo hospitalario ourensán. «Pasamos de ter unhas cantas camas reservadas por posibles casos positivos, a constituír unha planta COVID», explica Diana.
Emilio rememora como estaba en quirófano e habilitaron algún deles para atender a este tipo de pacientes con medidas de protección e protocolos concretos.
A partir de aí todo foi moi cambiante, o que lle deu unha grande complexidade, toda vez que non se coñecía «ante o que se tiña que loitar», di Diana.
Tamén falan da vantaxe que tivo Galicia ao ver que Madrid ía uns días por diante na incidencia desta enfermidade. «Madrid serviu coma reflexo á hora de actuar, do que nos podía vir e que, afortunadamente, non foi igual». Emilio recorda o estudo de seroprevalenza, que na súa primeira onda en Ourense deu un resultado dun 2,8%, mentres que en Madrid os parámetros deron un 15%, «isto fala do virulento que foi en Madrid, tivo que ser horrible». Nos resultados da segunda onda que vimos de coñecer evidénciase de novo esta tendencia. Ourense conta cun 2,2% da súa poboación inmunizada, fronte ao 11,4% da madrileña.
Mirando cara a capital española houbo un tempo en que non se sabía o virus chegaría un día coa mesma intensidade a Galicia. «Preparáronnos para o peor», confesan. O Sergas habilitou a URPA (Unidade de Recuperación Post Anestésica) como UCI Covid, así como outros quirófanos como posibles ucis en caso de ser necesarios, para recibir aos positivos máis graves, sumado a outras zonas do hospital ourensán que estaban preparadas para atender ao maior número posible de pacientes con esta enfermidade. Afortunadamente, polo momento, os peores prognósticos non se cumpliron.

Cambio radical
Para Diana e Emilio o seu día a día cambia radicalmente cando se decreta o estado de alarma que coincide, ademais, coa chegada dos primeiros positivos á planta na que traballa ela.
Ata ese intre, como pasa en moitas outras familias, son os avós os que adoitaban coidar á pequena Vera. Son días de moita confusión fan que tomen unha difícil decisión para asegurar todo o que se poida a saúde de Vera e dos seus coidadores, persoas de risco. «Separámonos dela 10 días xa que non sabiamos como ía discorrer esta situación», revela Diana. Non querían nin contaxiar á nena nin que Vera fora un vector de contaxio. «Cando está todo o mundo loitando en primeira liña non te permites o luxo de conciliar, déixala con alguén e a traballar», afirman.
Ademais, nese momento a Emilio trasládano ao servizo Covid móbil, que realizaba probas PCR daquelas personas que non se podían desprazar ao hospital. A exposición ao coronavirus na parella era real, polo que a determinación de separarse da pequena, aínda que traumática, foi de seguro a máis acertada.

Preparación
Con todo este panorama precísase dunha preparación psicolóxica moi forte que nin acá nin en China houbo. Ele optaron por afrontar a pandemia día a día, sen ir máis aló. «Ante o descoñecido non te podes preparar», di Diana. «Se vas con medo ao traballo as cousas non saen ben; respeto si, pero medo, non. Isto é algo moi contaxioso, invisible e que se comeza a coñecer. Cómo te preparas ante iso?», confesa Emilio. Cumprir os protocolos, adaptarse a eles e poñer os cinco sentidos na súa épica labor eran as pautas que seguían. Sobre todo ante unha pandemia que afectaba en España aos sanitarios con especial virulencia. Ata agora máis de 50.000 sanitarios españoles foron contaxiados. Máis de medio cento deles faleceron.
Os efectos físicos e mentais non se fan agardar durante os días máis axitados, e ó saír do turno nin a mente nin o corpo descansaban. «Chegabas a casa, estabas moi cansa, o corpo non daba máis, porén a mente estaba na túa planta. Falabas coas compañeiras por WhatsApp para ver que cousas se podían mellorar. A mente está ocupada niso e non pensabas noutra cousa. Incluso agora, que a situación está mellor non conseguimos desconectar de aquí (sinalan o edificio novo do CHUO). Estás tan alerta que non desconectas. Persoalmente marca moitísimo a nivel positivo, e negativo tamén. Positivo por que te sintes orgullosa de formar parte e colaborar da mellor maneira posible. No negativo queda o medo á nova normalidade, a que siga habendo contaxios».», confesa ela.
O natural é que algo así te marque para sempre, o sobrenatural é a profesionalidade e dedicación que, sen dubidalo, mostraron todos eles.

Aplausos
Ao tempo que a Diana e Emilio lles cambio a vida, ao resto da sociedade ourensá (evidentemente doutro xeito) tamén o fixo. Tocaba quedar na casa. Coma en cada recuncho de España, dende o primeiro día os balcóns da cidade enchéronse de veciños que co seu aplauso querían amosar o seu agradecemento á gran labor que estaban a realizar os sanitarios. Para estes dous enfermeiros os primeiros aplausos foron moi emotivos e entenden que co paso dos días incluso máis dun non saíra só polo recoñecemento ao seu traballo, «era unha situación complexa, estivemos moito tempo confinados e é lóxico que a xente saíra co paso do tempo ao balcón a socializar; era como a súa vía de escape». Pero inciden en que, agora que ás 20 horas xa non se ocupan os balcóns, a xente non debe esquecer tan rápido. Non se debe baixar a garda, xa que como din «ogallá nos equivoquemos, pero haberá que prepararse para unha segunda onda». Por iso, están á expectativa para cando abran o fluxo entre comunidades ou ante a chegada do outono porque será «moi pouco probable» que haxa unha vacina.
O risco do medo a relaxarse Emilio descríbeo como cando aprendes a conducir. «Cando eres novato vas con tanto medo que vas moi atento e o golpe telo cando tes moita experiencia e te despistas. Nesto pode pasar o mesmo: ao principio estamos moi atentos, cumprimos as normas, pero se baixamos a garda podemos ter un rebrote».
E deixan unha última reflexión a que, como din eles, é a que fan todos os seus compañeiros: «o conseguido ata agora que non se bote pola borda, porque se fala como se o virus xa pasara e non se foi, segue con nós e vaise quedar. Moita cabeza, xa que non podemos permitirnos que o sistema sanitario se volva colapsar por apurar máis do preciso; todos queremos abrazarnos, bicarnos, pero con sentidiño para non botar por terra todo o acadado», insisten. Emilio reitera en que a xente «terá que estar moi concienciada en canto ao lavado de mans, uso de máscara e o distanciamento social. O confinamento é eficaz, pero ten que ser o último recurso». Diana, pola súa banda, lembra que os «sanitarios estamos moi cansos» e se se retrocede nisto «non sei se aguantaremos».