Pouco a pouco a feira de Xinzo recupera a normalidade en canto á afluencia de postos de venta, que na de mañá seguirá a ser inferior á habitual antes do Estado de Alarma pero igual de variada. Volverán así os postos de téxtil, calzado, complementos e música, que quedaran fora das dúas citas anteriores.
O que non variará é a localización do mercado, que se manterá no emprazamento provisional ata que se declare o fin da pandemia ou ben se descubra unha vacina, tal e como acordaron entre a alcaldesa, Elvira Lama, e os propios feirantes.
Así pois, de momento seguirá sen haber postos na Praza Maior o na rúa e na praza de San Roque, lugares habituais de feira antes da declaración do Estado de Alarma. A razón está en que a partir de agora e ata que apareza a vacina, continuarán concentrándose na explanada do Toural e, ademais, na rúa Carmen Nóvoa e, se fora preciso, na aceira do parque da rúa Alexandre Bóveda, tal e como acordou o goberno local de Xinzo coa asociación de feirantes.
Na próxima feira haberá 156 postos, dos que 16 serán de pulpo e comidas. Son menos dos que acudiron as feiras anteriores á declaración do Estado de Alarma, o que que ten que ver coa venta de produtos estacionais, o peche da fronteira con Portugal e a esixencia do Concello de que só poderán acudir á feira os ambulantes que teñan toda a súa documentación ao día ou en trámite de renovación.
Polo demais, tal e como ocorreu nas feiras anteriores, os postos estarán no interior de recintos valados, con controis de acceso e saída nos que tanto axentes de Policía Local como voluntarios de Protección Civil ofrecerán máscaras a quen careza delas e xel desinfectante.