Dentro da campaña O verán que necesitas, a Xunta de Galicia oferta 29 campos de voluntariado, dos que seis se desenvolverán na provincia de Ourense. En total, poranse á disposición dos maiores de 18 anos da comunidade 348 prazas, das que 72 corresponden aos campos que se levarán a cabo nos concellos ourensáns.
A delegada territorial en funcións da Xunta en Ourense, Silvia Dorado Morales indicou que na provincia de Ourense, a incorporación de dous campos de voluntariado: O noso rural, a nosa istoria, en Ribadavia na modalidade de festival e cultural; e Leñoá, no Pereiro de Aguiar na especialidade de ambiental, patrimonial e festival, é unha das novidades que ofrece a campaña.
Así mesmo, este ano hai tres novidades principais nesta iniciativa: os campos serán de ámbito autonómico con prazas só para mozos e mozas de Galicia; a convivencia será dun máximo de 12 persoas participantes, máis o equipo técnico; e as actividades desenvolveranse baixo as medidas de prevención e seguridade ditadas polas autoridades sanitarias.
A situación provocada pola emerxencia sanitaria derivada da covid-19 fai moi necesario ofertar á mocidade un recurso de educación non formal para o tempo de lecer. Os campos de voluntariado son actividades encamiñadas a favorecer e fomentar a convivencia, a tolerancia e a solidariedade. Polo tanto, permitiralles beneficiarse, coas máximas garantías de prevención e hixiene, dunha experiencia enriquecedora.
Silvia Dorado sinalou que ademais das dúas novas iniciativas, na provincia ourensá levaranse a cabo campos de voluntariado noutros catro municipios: o etnográfico Esgos, no concello de Esgos; e os tres ambientais Parque Natural do Xurés, en Muíños; Glaciar do Cenza, en Vilariño de Conso; e Manzaneda, no concello de Manzaneda.
Como solicitar praza
O prazo de inscrición xa está aberto e pecharase 3 días antes do inicio de cada campo. As prazas serán adxudicadas, mentres existan vacantes, por orde de recepción. A solicitude presentarase mediante un formulario en liña, que estará dispoñible na páxina web xuventude.xunta.es, onde se pode consultar toda a información sobre esta actividade. A cota de inscrición para todos os campos é de 110 euros; con desconto dun 25% por Carné Xove, familia numerosa ou monoparental.