O Pladiga ten entre as súas novidades a dotación de maior capacidade de transporte de auga e a incorporación dun total de 12 drons.

A Xunta reforza a loita contra os incendios e adopta medidas sanitarias

A Xunta reforza este ano a prevención na loita contra os incendios forestais e adapta o operativo ás esixencias da emerxencia sanitaria. O Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga) 2020 ten como obxectivo xeral o de reducir ao máximo posible, tendo en consideración os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais na nosa comunidade. Por iso, mantén todos os esforzos na loita contra o lume incorporando algunha novidade. Entre elas, está a adaptación ás condicións establecidas pola emerxencia sanitaria a causa da covid-19 e, especialmente, a implementación dun completo e detallado plan de prevención. O dispositivo humano, semellante ao de anos anteriores, conta con máis presenza temporal, xa que permancerán despregados un mes máis do habitual, pasando de cinco a seis meses.
En total son máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións, que teñen á súa disposición 360 motobombas, entre outros medios terrestres. Con respecto aos medios aéreos, o Pladiga 2020 ten entre as súas novidades a dotación de maior capacidade de transporte de auga e a incorporación dun total de 12 drons, tanto para vixilancia e disuasión como para prestar apoio á extinción.
No que respecta á adaptación do Pladiga á emerxencia sanitaria, o documento ten en conta os protocolos necesarios para permitir o traballo do persoal en condicións óptimas de seguridade e hixiene. Así, establecese máis dunha ducia de instrucións e protocolos para os profesionais do Servizo, con esa finalidade.
Nesta liña, cómpre destacar tamén o esforzo realizado polos axentes ambientais e bombeiros forestais do Servizo durante a emerxencia sanitaria, levando a cabo máis de 7.000 desinfeccións nos exteriores dos centros de saúde, residencias de maiores e discapacitados e outro tipo de instalacións, como parte da súa colaboración voluntaria para previr o contaxio do coronavirus. As desinfeccións leváronse a cabo de forma recorrente en ata 200 municipios galegos con menos de 5.000 habitantes.

Prevención
A prevención é un dos piares do Pladiga 2020 contando cun investimento de 30,5 millóns de euros para traballos preventivos en preto de 46.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas e estradas. Ademais, prevé a construción de 121 novos puntos de auga e o mantemento dos 3.207 xa existentes, entre outras medidas.
As actuacións realízanse en montes e terreos forestais e nas faixas secundarias de xestión de biomasa, as dos 50 metros de terreo rústico máis próximas ás vivendas. Todo isto, de acordo coas obrigas establecidas na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais.
Trabállase con 263 concellos e 5 mancomunidades cos que se ten convenios nos que se colabora coa actuación de vehículos motobomba, tratamentos preventivos de xeito mecanizado e a contratación durante tres meses de brigadas para o desenvolvemento de labores de vixilancia e defensa, e fanse traballos de prevención mediante o control do combustible de xeito manual.
Dentro deste plan activáronse 251 brigadas municipais, cunha superficie de actuación total de preto de 19.500 hectáreas, sumando os traballos manuais e os mecanizados. A elas cómpre engadir as case 600 hectáreas de actuación preventiva dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES).
A maiores, no plan inclúense os traballos propios das actuacións preventivas no marco do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta, a Fegamp e Seaga. Neste sentido, poderían levarse a cabo execucións subsidiarias en case 2.600 hectáreas e actuacións de xestión de biomasa en vías de titularidade municipal ata nun total de 2.590 km en toda Galicia. Así mesmo, nas parroquias priorizadas dentro deste convenio prevese actuar noutras 5.300 hectáreas ao longo deste ano.

Actuacións complementarias
Entre outras intervencións para prevencións de lumes están a dotación de material e vehículos, o plan de pastos, a silvicultura preventiva, as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais e que no seu conxunto supoñen un investimento de máis de 33 millóns de euros. En canto ao material, a Xunta segue coa adquisición e mantemento de motobombas, a construción e arranxos nas emisoras e bases aéreas, o aluguer de vehículos para brigadas e axentes e diferentes equipamentos e ferramentas.
A Xunta puxo en marcha, de xeito paralelo, o Plan de pastoreo de Galicia, para poñer en valor os pastos da comunidade e mellorar no aproveitamento dos recursos naturais, ao tempo que se traballa na anticipación aos incendios forestais. A iniciativa contempla ata 2.250 hectáreas que se recuperarán, co fin de dotar ás explotacións de máis base territorial e contribuír a facer rendible a actividade agrogandeira, co conseguinte apoio á remuda xeracional no agro e ao mantemento da poboación no rural. As aldeas modelos e os polígonos agroforestais son inicitivas destacables nas que na primeira execútase a limpeza das franxas arredor das vivendas, eliminando maleza, piñeiro, eucalipto e acacia e establécese nesa franxa actividade agrogandeira, co obxecto de que constitúa unha devasa natural fronte o lume. A previsión é de aprobar unhas 25 aldeas modelo en toda Galicia ao longo deste ano.

Actividade incendiaria
Dentro do Pladiga 2020 actualízase tamén a información relativa ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI). Neste caso, o número delas redúcese este ano en máis do 60%, ao pasar das 71 existentes no 2019 a 28 este ano. Esta cifra axústase cada ano en función de criterios técnicos, relacionados ou ben co número de lumes rexistrados nestas parroquias ou ben coa súa virulencia.
En canto ás melloras tecnolóxicas, o Pladiga 2020 potencia as aplicacións informáticas coas que conta o persoal do servizo para a loita contra o lume. Así, intégranse novas funcionalidades, como a visualización actualizada de imaxes vía satélite, a compartición de pantalla entre varios usuarios ou a implementación de shapes (formas, siluetas) provisionais de evolución do lume.
Ademais, tamén se contará con información en tempo real, para a xestión dun incendio sobre o territorio, nas propias tablets das que dispoñen actualmente os axentes e técnicos. Inclúense datos cartográficos actualizados como puntos de auga, límites administrativos ou espazos protexidos, así como busca de topónimos e puntos quilométricos, localización GPS dos recursos asignados, rutas de acceso seguidas polos primeiros recursos en chegar, información da evolución do lume e fotografía xeorreferenciada ou capacidades de edición para indicar puntos de encontro, devasas, perímetros provisionais do lume, entre outros.