Con este novo proxecto “creación dun espazo sensorial” totalmente accesible e que poñen a andar desde o CDR O Viso, non se pretende repetir e duplicar os servizos que xa hai, senón posibilitar unha fiestra de colaboración entre todas as persoas e entidades para contar e gozar de espazos de convivencia e traballo que axuden a complementar as intervencións terapéuticas; e contra a discriminación, a estigmatización, a excesiva parcelación da vida en etapas… apostar pola inclusión, por coidar da vida, por sentir que facemos parte uns dos outros.
Trátase da Creación dun espazo axardinado estimulante nos arredores do centro de inclusión e a casa niño Lodoselo por e para todas as persoas. Ccomplementando os servizos e os programas que xa se fan dende o centro de inclusión que da cobertura das necesidades básicas (hixiene, alimentación a través do comedor social e comunitario, servizo de lavandaría, atención psicolóxica e prevención da dependencia e promoción da autonomía), da casa niño, da vivenda comunitaria, do pobo escola…
Este xardín sensitivo está pensado para o deleite de toda a poboación. Co imprevisto cambio de plans a conta da pandemia (tiñamos planificado crealo coa propia xente participante nos nosos programas) e contando coa experiencia de persoas especializadas no ámbito educativo,rural, musical, artístico… (profesionais e afeccionados).
Executouse unha primeira fase só con estas persoas (e é de xustiza nomear aquí polo menos a Eloi e Pili, Tomás, Manolo…) que foron preparando o terreo, adquirindo materiais e plantas, adecuando os espazos e accesos, buscando o material máis axeitado, creando soportes e mobiliario… que agora nos invitan, incentivan e permiten manter avivados os sentidos e conectados coa contorna. Só temos que achegarnos e gozar desta provocadora proposta.
Agora coa incorporación, daquela maneira, pouco a pouco, dalgúns dos principais beneficiarios toca ir facendo os axustes e mantemento deste espazo educativo como acción permanente. Coa pretensión de seguir aumentado en distintas fases a súa amplitude arredor de todo o eido e as dependencias do Centro.
Este proxecto foi presentado polo CDR O Viso, na última convocatoria do IRPF da Xunta de Galicia, a través de Terra e Xente; dentro do programa capacidade inclusiva rural activa dirixido a mellorar a calidade de vida, a autonomía persoal e a inclusión social e laboral das persoas ( tendo moi en conta a diversidade funcional).