Decrecendo

Decrecemento e política

O próximo 12 de xullo celébranse as eleccións á Xunta de Galicia. Os partidos máis representativos presentan as súas solucións que de vello xa se coñecen.
De súpeto, todos os problemas teñen arranxo, tanto polos partidos que levan lustros no goberno como aqueles que aspiran a gobernar. Todos teñen solucións aos problemas cos que levan convivindo anos e evitando dar resposta. Todo sexa pola cota de poder que se esta a ofertar.

O problema de case todos os nosos partidos políticos é que fan unha diagnose errada das difíciles condicións sociais e económicas que estamos a atravesar e pretenden utilizar ferramentas vellas que non poden dar solucións a esas situacións.

Nesta campaña electoral xurdiron frases como que Galicia está a perder músculo industrial a marchas forzadas, hai que aportar axudas a autónomos, pero tamén á automoción ou ás aeroliñas, non se pode deixar atrás aos pequenos e medianos empresarios, hai que fomentar a economía verde e azul, intervir Alcoa e deseñar alternativas sostibles que creen emprego.

Nin unha soa palabra sobre a ausencia brutal de recursos que está na base deses graves problemas industriais, nin unha soa palabra do esgotamento dos combustibles fósiles nin do futuro encarecemento enerxético, nin unha soa palabra sobre o colapso social que se nos bota por riba, da fantasía do pago das pensións, do insostible da renda mínima universal, vital ou como queiran chamala. Teñen o punto de vista totalmente desenfocado, xogando coas regras mais clásicas do capitalismo agónico que estamos a sufrir.

En definitiva, nin unha soa mención ao proceso de Decrecemento que deberíamos asumir para que os cambios duros que se achegan non acaben coa esperanza dunha vida mellor. En prol da xustiza, o partido EQUO Os Verdes menciona o Decrecemento no seu programa electoral pero tamén arrastra influencias dos sistema de oferta e demanda que deixa algunhas manchas no seu ideario. Non vou negar o desexo de que as opcións verdes de Galicia e España vaian acadando mais forza nesta cita e en futuras citas electorais, do mesmo xeito que aconteceu en Francia, porén esas opcións políticas verdes deberían ser máis valentes, deixar atrás os discursos “boístas”, politicamente correctos, desfacerse das correas do mercado e da publicidade e amosar a realidade e o seu futuro como veñen.

Cando vaian votar lembren que o partido seleccionado non será capaz de cumprir as súas promesas, sexa por escuros “comportamentos do mercado” en caso dos que xa están no goberno ou sexa pola “herdanza recibida” dos que acaban de chegar. A realidade é que non hai recursos e os poucos que poida haber serán arrincados das nosas mans, da nosa suor e do noso sangue.
Vaian a votar, se o desexan, pero non esquezan asumir o Decrecemento.

Óscar Blanco